COVID-20

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

17 mar 2020 . Actualizado a las 18:36 h.

A quen lle contaran hai algúns anos que un día algo pararía o mundo e cominaría a toda a poboación nas súas casas, pensarían na terceira guerra mundial. Pechar por completo a actividade terá consecuencias económicas que ningún experto se atreve a vaticinar, e o mundo non volverá ser o mesmo.

Poucos pensarían que esa guerra sería provocada por un bicho tan pequeno, un elemento tan básico que tén a capacidade de facer pechar todos os bares ou restaurantes do estado, unha bacteria que consigue pechar fronteiras, de anular o espazo aéreo, de mobilizar e ao mesmo tempo inmobilizar a millóns de persoas, de facer tomar decisións a todos os grandes mandatarios do mundo.

Unicamente cabe tal pensamento na esfera imaxinativa e fantasiosa de Hollywood e na privilexiada mente de Bill Gates, que no ano 2015 impartiu un relatorio no que anunciaba que nun futuro próximo habería unha pandemia na que morrerían millóns de persoas, e que os estados investían millóns en medios para evitar ataques nucleares, esquecendo que a guerra química era moito máis perigosa.

Non quero dicir que vivamos unha guerra química, nin que se trate dun plan estrambótico de algún poder mundial, so que non estabamos preparados, pero temos que facelo. As novas ameazas do mundo xa non son as metralletas e os tanques, senón as bacterias.

O que estamos vivindo temos que velo como unha metáfora da historia de David e Goliat, e débenos aprender a non valorar a forza do máis pequeno dos seres vivos. Ningún gran exército tén tanta forza como un pequeno batallón de bacterias descontroladas polo planeta adiante.