Inhumano

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

É mandato ético que os arquitectos deseñen casas e lugares de traballo humanos e dignos, pero son os políticos os que aproban normas para conseguilo. Son os promotores inmobiliarios os que forzan aos gobernos para que a vivenda sexa un gran negocio.

O dicionario define inhumano como impropio para o ser humano por ser duro e difícil de soportar. Un edificio difícil de soportar xera comportamentos anormais e animadversión ao traballo ou á familia. As casas galegas son inhumanas, polo xeral, porque se axustan ás normas mínimas, que son caóticas e ao servizo de especuladores.

É inhumano confinar a un adolescente ou a un neno en seis metros cadrados como marca a norma. Ou comer nunha cociña de dous metros de ancho cando as cociñas galegas sempre foron o núcleo do fogar. Construír dormitorios de 250 centímetros nos que vas rozando o cu na parede para facer a cama é indecente. Que o eixo central de comunicación entre os cuartos teña 90 cm. é abominable. Que unha casa pensada para cinco persoas teña un balcón de 2 metros é unha tomadura de pelo. Que unha praza de garaxe teña 220 x 450 cando os coches teñen 180 x 475 é ridículo. Os espazos que dan a un patio interior de tres por tres non son habitables. Que aproveiten os faiados baixo o tellado para facer vivendas, ás que lle chaman áticos, é unha mala transformación da tradición.

Que permitan edificios máis altos que o ancho das rúas é insalubre, medrado pola falla de árbores. Que os bloques non teñan espazos comúns para a xuntanza dos veciños e espazos de xogo para os nenos é especulativo. Hai que cambiar as normas de habitabilidade.