Un non sabe con que estraños resortes funciona a memoria. Os vellos contan como lles veñen á cabeza recordos vívidos da infancia máis remota nos que había décadas que non pensaban. As lembranzas importantes sempre volven. E aínda que non sexamos conscientes, sempre están aí, marcando o que somos ou o que nos interesa.
Na miña novela O anxo negro imaxinei un conde de Carnota, un home do Renacemento, ao servizo da coroa en intrigas diplomáticas e bélicas por Italia, Flandes ou Inglaterra. Só despois de escribir a novela e vela impresa, lembrei un día na ducha que o meu avó me falaba dun señor da torre de Xunqueiras que morrera en Grecia e de quen trouxeran a cabeza de volta á Pobra nun barril de sal.
Logo comprobei que a lenda tiña moita verdade: Diego Parragués das Mariñas caeu en combates en Grecia e no seu testamento, asinado en 1612 en Italia, estipulaba que os seus ósos retornaran á Pobra no caso de morrer en país estranxeiro.
Estes días, nunha conferencia, falei do curioso topónimo Gurugú, que aparece por montes de todo o país e co que levo obsesionado moito tempo. Fascíname porque é un recordo traumático gravado na nosa paisaxe. No Gurugú, uns montes sobre Melilla, combateron miles de rapaces galegos contra os rebeldes de Abd-el-Krim na tristemente famosa Guerra de África a principios do século XX. Ao final da charla o meu pai fíxome lembrar algo que eu tiña esquecido. De pequeno eu xogaba nunha alta pedra da praia de San Lázaro chamada O Ghurughú. A memoria sempre está aí.