Rufino Regueira: «No Barbanza somos doutra raza»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O exnadador, que exerce de embaixador da comarca no País Vasco, considera o deporte un complemento esencial

08 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Rufino Regueira (Boiro, 1990) conseguiu un reto destinado só para uns poucos, ser profeta na súa terra. O mundialista e campión de España pasou a dar nome ao campus que o Club Natación Boiro celebra este verán. A homenaxe colleulle lonxe, concretamente adestrando no Bidasoa XXI de Irún, pero recoñece que é un deses detalles que marcan.

-Segue por Galicia?

-Empecei o luns a traballar e tiven que volver ao País Vasco. Cando levantaron o estado de alarma aproveitei para vir á casa.

-Como se creou o campus?

-Foi unha iniciativa do Club Natación Boiro e para min é unha honra. Nunca nadei para eles, pero como agora está Juan Carlos Brión, que foi o meu adestrador, decidiron facelo. É un campus orientado a dúas vertentes. Unha, que os pais poidan desafogar, sobre todo este ano, que había pouca oferta de actividades, e outra, que os rapaces se inicien en natación e triatlón.

-Vin que o número de inscritos non estivo nada mal.

-O certo é que a pesar do medo conseguiron sumar uns 60. Está completo e xa teñen a cota pechada. A recepción foi moi boa.

-Estivo con eles fai unhas semanas. Que lles dixo?

-Tivemos unha pequena charla. Conteilles a miña historia no deporte, tirei para o meu terreo, que é a natación, pero díxenlles que sexa cal sexa o deporte que escollan o practiquen toda a vida. Compaxinar estudos e deporte dálle moita vida a calquera rapaz. Cas tecnoloxías e a vida virtual que existe agora, moitos non se decantan por ningún e creo que é un erro. O deporte ademais de poñerche en forma dáche uns valores, aprendes a vivir doutra maneira e valoras outras cousas. Algúns rapaces son aínda moi novos, igual acaban xogando ao ping-pong ou sendo reis do Fornite, que a día de hoxe é o que máis éxito ten [ri].

-Fai pouco publicamos a canteira de campións que foi o Barbanza. Vostede estivo entre eles. A que atribúe esa eclosión?

-Cando éramos mozos non había tanta distracción virtual. Estábamos todo o día na rúa. Cando falo cos rapaces do meu club fago fincapé niso. No Barbanza somos doutra raza, péganos o vento da ría de Arousa e máis que aos do outro lado [ri]. No meu caso teño que dicir que no Natación Ribeira traballábamos moi ben, case como profesionais. Pero non só nós, tamén os do piragüismo en Boiro, ou Cabo. No atletismo saíu Ana Peleteiro, Jota no fútbol... O Barbanza é un berce de deportistas, pero tamén de clubs. Cada vez que veño á casa fago máis turismo e canto máis turismo fago máis creo que o Barbanza é a mellor comarca de Galicia para vivir. Dígoo así, coa boca chea, esta ría é a mellor e nós somos únicos, a xente é moi boa. Teño que vender o produto local [ri]. Pero volvendo ao tema, sempre traballamos ben e a competencia, incluso entre deportes diferentes, fíxonos querer ser mellores.

-Tocoulle vivir o confinamento no País Vasco. Como foi?

-A nivel deportivo nada, parouse como en tódolos lados. A min como adestrador amoloume, porque cría que íamos ter un ano moi bo. A ver se empezamos a rodar de novo, aínda que isto vai a pan de millo. Cada comunidade ten as súas normas. Nós empezamos onte [polo luns] a adestrar, mentres que xa hai outros clubs que levan un mes facéndoo. Pero haise que adaptar.

-Aprendemos algo de todo o que nos está pasando?

-Eu espero que si, espero que a xente aprendera a valorar o que ten. Eu xa vou tirando a maior e dáme rabia porque logo de tres meses nos que baixou moitísimo a contaminación agora vemos como a xente xa tira as máscaras en calquera lado. Damos un paso para diante e tres para atrás.

-E no aspecto deportivo?

-O que noto nos meus rapaces é que outro ano non quererían volver á piscina e agora veñen con tódalas ganas. Creo que lles serviu para valorar o adestramento e aos colegas, aínda que saiban que van a sufrir. Creo o que a xente valora máis o que ten e non só o que quere.

-É algo que nos comentan en moitos clubs, que incluso foron os propios deportistas os que adestraron pola súa conta.

-Por exemplo cos meus rapaces eu non me podía reunir, pero mantemos o traballo durante todo o confinamento. Agora solo nos deixan adestrar tres días á semana e quéixanse!

-Que tal a volta á rutina?

-A verdade é que a medias. Estamos nunha época difícil. Vas a sitios e vés que aínda estamos co bicho e noutros parece que xa se esqueceu.