Escola rural

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Meu pai estudou nunha escola rural, tamén chamada escola unitaria. Era un pequeno edificio de dous andares, nos que se impartían os coñecementos a rapaces de distinta idade na mesma aula e uns aprendían dos outros. Foron construídas, xeralmente, por doazón de galegos emigrados ou colaboración na súa construción. O meu bisavó foi un dos que pagaron esa escola.

Quizais non fose o mellor sistema educativo -que non o vou analizar-, pero servíalles para moverse polo mundo, incluso chegar á universidade. Tiñan moitas vantaxes grazas á proximidade cos fogares, porque fortalecían a relación dos alumnos co territorio no que vivían, tamén os valores de grupo e veciñais ou a saúde infantil.

Desenvolveron un gran traballo socio-comunitario, constituían o foco principal de dinamización do medio rural e poñían en valor o coñecemento da contorna inmediata. O seu illamento físico implicaba a necesidade de xerar alternativas que paliasen certas deficiencias e as propostas de encontros e intercambios de ideas establecían unha fonte constante de motivación e relación social. As escolas rurais consideraban o neno e o pobo como protagonistas activos da súa contorna territorial educativa.

A creación dos grupos escolares, hai 40 anos, concentrou o alumnado rural nunha contorna urbana, provocando a necesidade de transporte escolar e perdéndose valores de grupo, favorecendo que a lingua utilizada pasara a ser o castelán e a perda do apego ao territorio, á parte de favorecer o sedentarismo e a obesidade. Hoxe serían unha boa alternativa para os cursos que veñen coa pandemia.