«Webinar»

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

29 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se trata dun verbo sacado dos dialectos do Instagram, nin sequera unha palabra malsoante para insultar a alguén: webinar ven sendo o nome dunha conferencia, relatorio, obradoiro, curso ou seminario en formato vídeo que se imparte a través de Internet. O que si é un insulto é que din que vén para quedarse. Das poucas vantaxes que ten é que poidas asistir a un curso en Boston sen perder catro días de viaxe, aforrando hotel, avión e gastos extras do evento, pero é como facer unha carreira dende a casa, mirando o aparello e comendo galletas de chocolate, perdéndose a identidade universitaria.

Pero a filosofía dos congresos, seminarios e obradoiros é outra, é reencontrarte con vellos colegas que hai anos que non ves, coñecer nova xente e novos lugares, aderezando unha simple clase coa riqueza emocional do intercambio de experiencias e ideas que moitas veces teñen máis valor que o contido do evento.

Quitarlle a un foro as conversas con Manolo Gallego fóra de hora ou compartir os chistes de Souto de Moura sobre os cataláns ou sobre o seu cliente Cristiano Ronaldo, embeberse do saber de Jorge Mira ou do doutor Carracedo arredor dun bo viño, compartir un gintonic con Mestres e compañeiros na terraza do hotel non é algo no que pensaron os que inventaron a conferencia en liña, fría e vulgar, case inapetente.

Imposible tocar o barro que prepara Tomasini a través dunha pantalla, imposible cheirar a palla dos seus bloques naturais. A espontaneidade das emocións so é posible co contacto físico, coa mirada e co resto dos sentidos. Quérennos reducir a meros observadores.