Durante o confinamento revelouse a enorme flexibilidade do sector cultural para ofrecer contidos interesantes á xente directamente nas súas casas. Con recursos técnicos mínimos, a través das ferramentas dixitais, a cultura mobilizouse para conectar co público.
Axudaron de balde ás persoas a entreterse, a aliviar a tensión, pero tamén a aprender. E xa saben, aprender significa prepararse para afrontar mellor o futuro incerto, reducir o estrés, incrementar a confianza. A forza inmensa da cultura. Son aptitudes fundamentais para esta crise.
Toda esa inxente oferta cultural demostrou tamén, a partir de datos contrastables de audiencia, que había moita xente disposta a consumila a través dos seus dispositivos: dos móbiles, das tablets, dos ordenadores, das teles. É dicir, o círculo estaba pechado. Tiñamos un sector que sabía comunicar e uns cidadáns que sabían onde consumir (e facíano).
Por iso non é de recibo o que está a acontecer. A pandemia evidencia a nula visión de moitos responsables políticos de cultura no ámbito municipal. Eles son os responsables de boa parte da oferta e programación cultural do país. Parece que se non lle poden sacar unha foto a un auditorio cheo para o xornal, a programación cultural non importa.
Nestes momentos, numerosos concellos están facendo deixación de funcións e privan os cidadáns dos servizos culturais. Un inmenso erro que empobrece a vida dos nosos municipios e pon nunha situación dificilísima o sector cultural. Aínda estamos a tempo de poder cambiar isto.