Mariscadas entre campións do mundo

Carmen Fernández RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O Benboa recibiu a visita de rostros televisivos como o Gran Wyoming, os irmáns Torres e Jesús Calleja

29 nov 2020 . Actualizado a las 20:09 h.

Fai oito anos que o restaurante Benboa abría as súas portas por primeira vez. Era outubro de 2012 e a carreira de fondo de Carlos Brión e Francisco Teira acababa de comezar. O lugar elixido para iniciar a aventura foi o porto de Corrubedo, un punto emblemático porque no verán o lugar se enche de turistas e veraneantes que atopan na vila un recuncho tranquilo rodeado de praias e paraxes naturais únicos. Nestes anos nos que o restaurante non deixou de recibir visitas, sucedéronse algunhas que os seus donos non esperaban para nada. Famosos que elixían o seu local para repoñer forzas e regalar o padal coas súas comidas, sobre todo peixes e mariscos da zona.

Polas mesas do Benboa pasaron famosos de todo tipo: presentadores de televisión, actores, cantantes, directores de cine ou cociñeiros. Un dos encontros máis inesperados para os donos do local, pero do que máis se recordan agora, foi cos irmáns Torres. Tiñan un acto en Santiago, pero o primeiro que fixeron ao desembarcar do avión foi poñer rumbo a Corrubedo. «A directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia naquel momento recomendoulles vir aquí. Eran as dez da mañá e xa estaban na porta», explica Teira. O restaurante estaba pechado ese día, polo que os chefs tiveron todo o local para eles. «Chamaron para avisar de que viñan, así que nos deu tempo a prepararnos», comenta.

Os irmáns Torres aproveitaron a súa visita non só para comer, se non tamén para coñecer o interior do restaurante. «Quedaron bastante sorprendidos porque lles ensinamos os viveiros onde temos o marisco e os peixes», sinala Teira. Unha cousa que lle chamou a atención foi a elección dos cociñeiros ao elixir prato. «Quixeron comer xurelo, algo que non esperábamos», recorda entre risas. Ademais deste peixe, os irmáns Torres probaron as nécoras e as navallas. «Foi unha visita curta, pero intensa», indica o propietario.

Outra das visitas que teñen gravada na memoria e inmortalizada en imaxes foi a de Vicente del Bosque, adestrador que levou á selección española de fútbol á conquista do mundial de Sudáfrica no 2010 e da Eurocopa do 2012. «É unha persoa moi próxima. Non tivo problema en sacarse fotos con todos os que lle pedían. Incluso se poñía a falar con eles, e todo cun sorriso. É tal e como aparece en televisión», explica Teira.

Os propietarios do Benboa sinalan ao boca a boca como principal forma de dar a coñecer o seu negocio entre as celebridades. «Moitos dos famosos que veñen por aquí é porque coñecidos lles falaron do sitio», apuntan. E os actos ou concertos tamén provocan a chegada de novos visitantes ao restaurante, como foi o caso do Gran Wyoming. «Estaba pola zona. Tivo un concerto en Boiro e ao rematar veu cear aquí por unha recomendación», recorda Carlos Brión. O humorista e cantante quedou tan encantado coa comida que lle serviron que incluso pediu que lle mandaran máis a Madrid. «Temos un servizo de envío dalgúns pratos, como pastel de marisco ou percebes cocidos envasados ao baleiro. E Wyoming soe pedir bastante. Temos moito contacto con el», conta Brión.

Durante un tempo o Benboa acollía monólogos, o que tamén propicio a estancia de famosos máis vinculados ás artes. «Carlos Blanco veu a facer algunhas actuacións. Tamén se pasou por aquí Luis Zahera como monologuista e como cliente», precisan. A lista de actores e directores de cine que fixeron unha parada para comer no restaurante é extensa. Nela hai nomes como o de Michelle Jenner, Dani de la Torre, Nathalie Seseña ou Luis Tosar.

Dando o cante

Varios músicos e cantantes non perderon a oportunidade de achegarse á cociña do Benboa para gozar da súa gastronomía. Kiko Veneno, Antonio Orozco e ata o triunfito Roi Méndez. «Aproveitaron que tiñan actuacións preto ou que estaban a gravar algún programa para vir a repoñer forzas», recordan os donos do restaurante.

Javier Calleja, Pepe Solla, Paco Lobatón ou Luis del Olmo probaron tamén os pratos do local. Os donos sinalan que o máis pedido polos comensais é o peixe e os mariscos. «As nécoras, os percebes, as navallas son moi demandadas. Pero o peixe o que máis. Ademais, son produtos da zona que collemos na lonxa a diario», concretan Brión e Teira.

Variedade. A lista de personalidades que se pasaron polo Benboa inclúe a cantantes, actores, adestradores de fútbol, cociñeiros ou presentadores de televisión.

Recordo. A visita dos irmáns Torres e a de Vicente del Bosque ocupa un lugar especial na memoria dos donos do Benboa.