Axudas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O sistema de financiamento de obras municipais actual é caduco e pouco sustentable. Para quen non o coñeza, as administracións superiores -Xunta e Deputación- realizan convocatorias periódicas de axudas, que poden ser temáticas -camiños, por exemplo- ou xenéricas. Sen un plan previo establecido por cada concello -plan que normalmente non teñen nin poden telo-, o procedemento adoita ser buscar onde gastar eses cartos que distribúe esa administración, e deste xeito xustificar obras perante a cidadanía.

O problema é que ao non haber un plan estratéxico previo, moitas obras non se axustan ás necesidades reais do concello, e outras veces fanse obras por facer, ou estrágase patrimonio territorial con asfaltados ou cementados innecesarios e agresivos.

Como eu o vexo máis racional é que os concellos teñan un plan de necesidades reais, estratéxico, no que avalíen as necesidades do territorio e dos seus edificios, e que propoñan a esas administracións de xeito anual ou bianual, para que estoutras elaboren un orzamento provincial ou autonómico axustado e sen despilfarro. Debe haber tamén un equipo técnico independente que revise as necesidades antes de gastar por gastar.

Non é unha novidade, porque este é o sistema que se utiliza nas áreas de rehabilitación e rexeneración urbana, nas que as oficinas de rehabilitación propoñen as obras subvencionables de urbanización de cada concello, e pode haber anos nos que non sexa necesario ese gasto, aforrando moitos cartos, concordando cos criterios de sustentabilidade da sociedade actual.