Estupor e temor no mar de Arousa. Na profunda noitebra brúa a masa salgada estremecendo os seus fondos mariños nunha marusía endiañada. A matriarca, Sálvora, está rodeada dunha gran familia de baixíos e illotes pétreos, todos nun beixo inmorredoiro coa ondada que efusivamente e con paixón desmedida en varias ocasións, agarima a Lapegar, Sagres, Noro…
Nesta paraxe de soños, lendas e hipocampos permanece gravada a data do 2 de xaneiro de 1921: nesa noite invernal e co azoute dun intenso temporal, o vapor Santa Isabel con 266 persoas vai a piques preto de Sálvora.
O 4 de xaneiro de 1921, o xornal El Orzán, entre outros, recolle a noticia do naufraxio titulándoa, «Una tragedia horrenda», e comeza a ampla crónica coas seguintes palabras: «Escribimos bajo una impresión dolorosísima, verdaderamente consternados por la magnitud de la catástrofe del Santa Isabel...»
Fronte a un océano que na noite negra amosaba a súa faciana máis tétrica, unha diminuta embarcación avanzaba sobre o vaivén tumultuoso das ondas. Tripulaban a dorna salvavidas tres mulleres, aínda nenas, na procura de laios desesperados. Mentres, outra ía na procura de axuda en terra.
O seu obxectivo era tentar salvar o maior número posible de vidas. Impresionante a súa valentía, imposible na actualidade un acto semellante; realmente, os escintileos do tempo nin en soños nos deixan visualizar tan impresionante actuación.
Elas son as heroínas de Sálvora que, coa súa valentía, lograron que a catástrofe do Santa Isabel non segara máis vidas nun naufraxio con 213 vítimas mortais, nunha noite de temporal sen parangón.
Cipriana e Josefa, María e Cipriana, sen dubidar e arriscando a súa vida, loitaron con todas as súas forzas no fío da onda asasina, e coa desesperación dos náufragos tentando salvar o maior número de vidas.
A súa heroicidade non é comparable. O seu tesón e valentía foi dunha magnitude que impresiona só con lembralo. Nos soños destas mulleres quedou impregnada esa noite de temporal, e o seu foi un pesadelo vital, mais, para todos nós, o seu exemplo permanece no ar de Sálvora expandido nun halo de recoñecemento unánime para tan impresionante xesta.
Na memoria, por sempre...