Para gustos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

02 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta leva un tempo aprobando novas normas sobre a paisaxe, arquitectura, urbanismo e territorio en xeral, pero para que funcionen plenamente temos que achegalas ao pobo. Non será de xeito inmediato, porque hai que darlle a volta á nosa mentalidade escornada de hai anos. É moi frecuente escoitar o dito «para gustos, cores» ou «sobre gustos non hai nada escrito». Dous mitos que non son certos, porque hai miles de libros publicados sobre gustos pero hai que lelos, e para facelo hai que ter aberta a nosa mente.

O das cores é máis complexo. Pensamos que as cores son cuestión de gusto, como dun bolso ou dun vestido se tratara. Somos os únicos europeos que pintamos as nosas casas como nos peta, e cambiar ese xeito de pensar non é inmediato, pero hai que dar o primeiro paso, e implementar tradición, educación, civismo, empatía e amor polo propio.

A liberdade que había para pintar as casas converteuse nun escaparate da personalidade dos seus donos, e tamén é unha radiografía sobre a súa identidade, que pode ser racional e colectiva, ou ben individualista e charramangueira. E temos que sufrilo os demais.

A ausencia dunha conciencia colectiva e de grupo ten como resultado casas pintadas de cores incribles, que aderezan normalmente con elementos barrocos ou churriguerescos: é como tapizar a louza do baño. Non é cuestión de que todas as casas sexan idénticas, senón de procurar unha harmonía que ofreza unha imaxe de sociedade culta e europea, e só se pode conseguir -como todo neste país- con moita educación, divulgación e concienciación e con sancións polo incumprimento.