Algo similar ao que sucede coas costas, nas estradas tamén hai unha raia, unha liña pintada nun plano feito nun despacho, moitas veces sen visitar os lugares afectados, e que obrigan a colocar nos plans urbanísticos, causando unha alarma social aos propietarios das casas que lindan coas vías, cando ven unha liña encarnada que atravesa a súa vivenda. Ficción, pura ficción. No 95 % dos casos, nunca vai servir para nada esa raia encarnada, pero causa moitos estragos na paisaxe, creando dentes de serra e medianeiras innecesarias, e moitas preocupacións nos cidadáns que fixeron a súa casa legalmente e que non poden durmir por unha raia no plano.
Absurdo e sen planificación, porque esa raia é distinta segundo sexa o xestor da estrada: o Estado, a Xunta, a Deputación ou o Concello, e menos mal que a parroquia non ten mando nesta estrutura. Menos mal que o Plan Básico Autonómico e as Directrices da Paisaxe anularon aquela esperpéntica norma da Lei do Solo que obrigaba a facer camiños de oito metros nas aldeas -catro metros dende o eixo, a ámbolos dous lados-, levando consigo muros antigos de pedra, casas tradicionais, a esencia de Galicia.
O século XXI é o da reflexión e cambio de paradigma respecto da mobilidade en moitos lugares, pero a nós non nos entra na cabeza. Igual que sucede cos plans que desordenan centros compactados, as estradas consolidadas non deben destruír a paisaxe obrigando a botarse atrás, como norma xeral, 25 metros nin catro no rural, nin arrasar as árbores que antes tiñan as estradas. Tampouco deixan restaurar casas tradicionais máis próximas.