«Ramón Sampedro estaría contento, España débelle a lei da eutanasia»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Aplauden a aprobación definitiva, aínda recoñecendo que o proceso é moi complexo

18 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na década dos 90, desde unha pequena aldea de Porto do Son, Ramón Sampedro alzaba a voz para esixir o seu dereito a morrer dignamente. Facía 25 anos que sufrira un accidente ao tirarse de cabeza á auga desde unha pedra das Furnas, fracturándose a sétima vértebra cervical e quedando tetrapléxico. El emprendeu unha loita que, trala súa morte, en xaneiro de 1998, continuaron varios amigos, entre os que se atopan Pepe Vila e Xosé Lois Vilar. Para eles, hoxe é un día de festa, porque por fin verán compensado o esforzo coa aprobación, por parte do Congreso, da lei que regulará a eutanasia.

«É unha meta alcanzada, por fin vemos que a loita de Ramón Sampedro deu os seus froitos». Son as palabras de Pepe Vila, quen desde hai máis de dúas décadas ven liderando a homenaxe que cada mes de xaneiro se lle rende nas Furnas ao sonense que ata chegou á Comisión Europea para esixir o seu dereito a morrer. Aínda así, é consciente de que a aprobación da lei non supón o final da batalla. Xosé Lois Vilar fai fincapé nos obstáculos que terá que superar aquel que desexe recorrer á eutanasia: «É unha lei moi garantista, que non facilita o desenvolvemento da vontade cando un quere dar o paso. Require da consulta de ata tres médicos que teñen que emitir ou confirmar un informe que despois é enviado a unha comisión, o que supón un proceso de días».

En contraposición, eles poñen como exemplo o caso de Bélxica, explicando que alí os cidadáns teñen dereito a morrer dignamente e é despois de practicar a eutanasia cando unha comisión fai unha avaliación do proceso: «Levan desde o 2002 coa lei aprobada e só hai un caso que chegou aos tribunais», puntualiza Vilar.

Non dubidan polo tanto ao afirmar que a loita que un día emprendeu Ramón Sampedro debe continuar: «Vaia por diante que estamos satisfeitos, porque esta lei é un paso necesario e imprescindible, pero cando unha persoa está nunha situación terminal precisa que o proceso sexa áxil, sobre todo se non conta co apoio do seu entorno».

Indignados coas mentiras

Eles, que acompañaron no camiño a Ramón Sampedro, que acabou optando polo suicidio, e que lle deron despois continuidade á súa batalla, axudando incluso a algúns veciños a percorrer o final do seu camiño, amósanse indignados diante dalgúns argumentos empregados contra a lei da eutanasia: «Entendo que haxa persoas que non estean de acordo, pero non podo admitir as mentiras. Esta lei non vai facilitar ningún tipo de suicidio clandestino, porque se un a le xa se dá conta de que é tan garantista que sería imposible», afirma con rotundidade Vilar. Tanto el como Pepe Vila fan fincapé, para que a xente o teña en conta, que aqueles pacientes que non teñan capacidade para decidir só poderán acceder á eutanasia se previamente se decantaron por esta opción nun documento de instrucións previas.

A aprobación deste testamento vital foi un dos grandes logros que o movemento Dereito a Morrer Dignamente, do que estes sonenses forman parte, conseguiu ao longo desta dura e intensa loita: «Na época de Ramón Sampedro nin sequera existía esa posibilidade. Logo chegaría tamén a lei dos coidados paliativos. Foi un proceso moi lento, pero cada vez viamos que estabamos máis preto de chegar á meta», sinala Pepe Vila. O seu compañeiro de batalla lamenta que para acadar o obxectivo final «houbera persoas que tiveran que padecer situacións dramáticas».

Conscientes de que foron moitos os que ao longo destes anos se sumaron á causa, eles teñen claro que foi o seu amigo o que puxo o debate enriba da mesa, o que xerou o gran interrogante social. Por iso deducen cal sería a súa reacción nun día coma hoxe: «Ramón Sampedro estaría contento, España débelle a lei da eutanasia» Así de claro o ten Pepe Vila. A opinión é compartida por Xosé Lois Vilar, aínda que el engade que para el tamén sería un triunfo a medias: «El dicía que vivir é un dereito, non unha obriga. Xa daquela, expoñía a necesidade de ir máis alá, de estender a todos a posibilidade de elixir o momento do fin».