O voo do pouso de café nunha vella taza

xabier l. marqués

BARBANZA

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Angustia, barullo, conmoción, decepción*, desasosego, desazo, desencanto, desencontro, disturbio, inquietude, intranquilidade, rebumbio, remorso, soidade, turbación...

Por que non «culpa»? Contén a gravidade, o peso, a invisibilidade... e o compoñente silandeiro de débeda que lle corresponde (a mesma palabra para ambas en alemán: Schuld), pero vós non a vedes, e todos insistides na soidade. Seica Francesca dixo: «Espertei e estaba soa» (Safo nun Poema de medianoite: Púxose a lúa/e as Pléiades,/ tamén mediada a noite;/ e á vez pasa o tempo./ Porén, eu durmo soa.), como se a culpa non colixise a soidade máis íntima, a máis extrema e rigorosa: a da eternidade. Pero, hai un aquel que tampouco me fai estar convencido: a postura en crequenas. A culpa derrota e derruba, e ela non amosa máis desequilibrio que o da ollada, se non extraviada, si baldeira como a dos que están a sufrir unha crise nerviosa (A pena aguda aparece encrequenada nalgún cadro de Klimt: O friso de Beethoven ).

Entón, decepción? A min seméllame a máis acaída e ricaz, aínda que precisa dun coñecemento moi preciso dos seus matices: engano, burla, extravío. En orixe, o verbo era un termo de caza e significaba facer caer unha presa nun trallo, por iso está formada polo prefixo de- (con idea de descenso ou caída!!!)

Que fas, xa que logo, Francesca, anicada contra esa parede, termando dese muro? Por que tes os beizos apoiados no pulso? En que pensas? De onde esa cala que te axexa?

«Autorretrato con flor», de Francesca Woodman