Fáltalle

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

10 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Apalabra fáltalle é, probablemente, unha das que máis se escoitan nas xanelas das Administracións públicas, dende hai algún tempo. É cada vez máis difícil ter éxito na presentación de documentos ou solicitudes, e sempre nos han dicir que falta algún papel.

Co fácil que era solicitar unha licenza, un empadroamento, un cambio de domicilio, un trámite no que, como cidadáns deberiamos ter unha amable resposta -para iso pagamos os impostos-, lonxe de mellorar imos a peor. Deixando á marxe todos os exquisitos requirimentos apoiados na pandemia, póñennos difícil achegarnos a unha xanela pública. Algo que estendo ultimamente aos bancos, tamén.

Dá a impresión de que nos tratan como sospeitosos, de que a presunción de veracidade e de inocencia queda en suspenso, porque moitos dos documentos sobrarían para o que nós queremos solicitar. Queda claro que non é culpa dos administrativos que dan a cara nas xanelas, senón que obedecen ordes de outros mandos intermedios que queren deixar a súa pegada na Administración.

Moitos deses requisitos son tamén para quitarlles traballo a eles, porque bastaría unha chamada telefónica para solucionalo, como sucede na empresa privada, que ten máis eficiencia, eficacia e competitividade. Deixemos tamén a un lado os arcos de seguridade que, ás veces, nos fan quitarnos todo o que levamos enriba para entrar nos edificios públicos. Tamén todos somos sospeitosos de terroristas. É realmente unha consecuencia dunha sociedade cada vez máis irresponsable ou desvela a carencia de autoridade cos que realmente infrinxen ou enganan ás Administracións?