Os bancos de alimentos, como ben indica o seu nome, achegan produtos de alimentación ás familias máis necesitadas. O que non achegan son produtos menstruais, a pesar de ser bens de primeira necesidade. Así, quen necesita compresas, tampóns ou copas vese na obriga de agardar por doazóns individuais, que tampouco son tan comúns. Levamos uns anos escoitando propostas de baixar o IVE ao 4 %, a pesar de que temos exemplos de sobra onde a diminución de impostos non implica a redución dos custes para as persoas de a pé, pero en calquera caso toda axuda, se é que chega, sería benvida. Polo momento, a ONG Period Spain calculaba en 2019 que, se en España dúas de cada dez mulleres viven baixo o limiar da pobreza, tamén terían experimentado dificultades para mercar produtos menstruais, chegando a ter que escoller entre un paquete de arroz ou un paquete de tampóns. Esta cifra en Galicia, aumentada tras a pandemia, é de 2,6 de cada dez.
Outra cousa que estaría ben, alén de poder garantir o acceso, sería ter datos reais do que se coñece como pobreza menstrual en lugar de facer aproximacións cos datos de pobreza absoluta. En Reino Unido, por exemplo, unha de cada dez nenas falta ao colexio ou instituto por este motivo. En Escocia ofrécense compresas e tampóns gratuítos para evitalo. En México acaba de ser aprobado. Pero en España non se estuda e, polo tanto, non se coñece o alcance real do problema.
Non se achegan os produtos, non se fan campañas de sensibilización para conseguir máis doazóns, non se baixa o IVE, non se recollen datos... O único que nos queda é seguir preguntándonos: comida ou compresas?