Colmeas humanas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

16 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Atelevisión emitiu unha reportaxe sobre as vivendas colmea, o que nos dá unha idea do paralelismo cos himenópteros e do urbanismo apícola. Trátase de celdas individuais de tres metros cadrados, cunha altura de 1,20, e ese é o espazo individual de liberdade. Comparten a cociña, por quendas, e a roupa gárdase en outro tipo de nichos.

Sabiamos da súa existencia en cidades como Tokio, onde o espazo é un artigo de luxo, e xa nos parecía un experimento de ciencia ficción propio da escravitude humana. O triste do asunto é que esa moda, que supera os límites da dignidade humana, xa está instalada na cidade de Barcelona, onde unhas mafias internacionais disfrazadas de inversores crean comunidades de vivendas colmea en baixos comerciais, en naves ou edificios industriais ou en entreplantas. Cóbranlle 200 euros ao mes, en concepto de arrendamento, sen dereito ningún, sen cumprir os parámetros da lei de propiedade horizontal.

Inhumano pero real, nunha cidade na que o arrendamento é un mercado especulativo. Preguntámonos se algún día chegará ás nosas cidades, da man dos estudantes universitarios ou persoas vulnerables.

Afortunadamente, as normas sobre habitabilidade aprobadas pola Xunta esixen polo menos unha estancia máis unha cociña, un cuarto de baño, un lavadoiro, un tendal e un espazo de almacenamento xeral (rocho), e ademais impón unhas superficies mínimas para cada un deles, que inclúen dimensións básicas que hai que cumprir.

Tampouco a lei de vivenda prevé a presenza de okupas, e hainos. Co agravante do noso engorroso sistema xudicial.