07 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É seguro que vostedes tamén tratan de afastar a certas persoas, consideradas nocivas, ou mesmo recordan falar de persoas coñazo. Se é así, están no certo e non hai nada raro, non hai que facerse mirar. O meu primeiro contacto con esta teoría foi escoitar a profesor de instalacións dicir que por moi ben deseñada estea a climatización dun edificio, sempre haberá un 15% de persoas insatisfeitas con esa temperatura, e non se pode mellorar.

Foi nun curso sobre mercados cando outro profesor nos aconsellou detectar ese grupo minoritario para non perder o tempo: 15% dos potenciais clientes ocúpannos o 85% do noso tempo, e viceversa. Non resulta rendible, por tanto, facerlles caso e atender as súas consideracións, polo que é importante perder algo de tempo para detectalos e afastalos canto antes.

Esas minorías, ademais de estar sempre desconformes —coido que ata con eles mesmos— envelenan ao resto: son como as mazás podridas no fruteiro. Este dato, que é anterior á pandemia, detéctase hoxe nas redes sociais, que non son máis que tabernas virtuais nas que entra xente destrutiva que nada aporta e moito pode quitar, ou contaminar. Bloquear persoas nas redes sociais é como afastarse dos borrachos nas tabernas, ou con eses individuos que contactan contigo para contarche cousas que non che interesan. Nocivos.

Claro que trala pandemia e as súas seis ondas pode ser que esa porcentaxe aumente, e non son eu o único que o detectou. Xurdiron persoas tocadas polos confinamentos, novas normas e pola nova normalidade. Se teñen redes sociais, que non lle treme o pulso bloqueando ao 15%.