Parecen os títeres. Diciamos de rapaces cando se formaba unha leria entre persoas, berrando e discutindo sen ton nin son e sen que eles mesmos se entendesen. Os títeres aos que me refiro non se poden traducir por monicreques, se non máis ben por algo semellante ao que pasa cada día no Congreso; pois eses títeres dos que lles falo, tiñan os mesmos ou parecidos insultos pero moita máis graza e chispa. Ou sexa, escandalosos si, pero non tan faltos de respecto e baixesa como os que adoitamos ver e escoitar nas sesións parlamentarias.
Ven isto a conto, porque desde fai algún tempo veño gozando da compañía dun grupo de amigos de diferentes ideoloxías e maneiras de pensar. Permítanme que diga que somos demócratas civilizados e non coma algúns dos que ocupan as bancadas do Congreso de Deputados. Somos quen de discutir e defender as nosas ideas e puntos de vista, sen que teñamos que acudir a improperios. Por suposto que nos asiste o dereito de recorrer a algún que outro chascarrillo ou retorcer un pouquiño a verdade para facer valer os nosos argumentos. Pois nin o somos nin tampouco pretendemos ser perfectos. Tan só educados.
Voulles contar. Neste faladoiro, xuntámonos unha pequena pero curiosa variedade de persoeiros, aos que me referirei por orde decrecente de idade. A persoa maior de todos nos, por memoria e coñecementos resulta difícil de retrucar. Parecería ter escamas po-las que lle escorrega case todo. Está de volta e media coma unha bela enciclopedia, que non é o mesmo ca unha enciclopedia vella. Iso si; este compañeiro de faladoiro, con ideoloxía propia rozando coas dereitas civilizadas, ten tanto torgo coma incipiente falta de oído. Ninguén é perfecto. Séguelle a este, outro persoeiro que está calado a maioría das veces; pero todos estamos de acordo cos seus breves matices cheos de razón. É coma o conto da curuxa: fala pouco pero fíxase cantidade. O terceiro tertuliano, presta atención a todos e opina sempre con prudencia sen malas palabras para ninguén. Ademais, no seu caso, ten a vantaxe de pensar por si mesmo, sen información do celular (que tanto rebenta as conversas), por certas dificultades de visión. A cuarta persoa do grupiño é un home cordial por natureza. Fala con graza, propiedade e mesura. As súas crenzas, serven de freo a certo desfreo, ao que algunhas veces tendemos caer. E como non!; tamén contamos cunha muller nova revestida dunha gran personalidade, retranca e chispa que, ao tempo que serve as tapas, e quen de lle poñer os puntos enriba das is a calquera dos que alí estamos.
Por último, forma parte do grupo algún que outro, tal que eu mesmo, arriscado escribidor, cunha ideoloxía raiana na utopía, que non deixa de aprender canto alí se fala. Pois si; a maior aprendizaxe deste faladoiro de cada xoves, é a de argumentar, razoar e retrucar civilizadamente. Nada que ver cos títeres de cada sesión do Congreso dos Deputados.
Non lles vou dicir onde nos xuntamos, non vaia ser que alguén nos veña arruallar.