Este libro comeza coas primeiras eleccións autonómicas de 1981 que levaron á Presidencia da Xunta de Galicia a Gerardo Fernández Albor, que encabezaba a lista da Coalición Popular. Durante esta primeira lexislatura, o autor, Lito García Lago, analiza a crise xurdida pola capitalidade galega, a expulsión de tres deputados nacionalistas por non xurar a Constitución e os problemas derivados pola Foxa Atlántica e a reconversión industrial.
Despois analízase a segunda lexislatura, onde Fernández Albor se enfrontou co seu vicepresidente, Xosé Luis Barreiro Rivas, desembocando nunha crise que daría lugar á moción de censura que levaría, no 1987, ao socialista Fernando González Laxe á Presidencia da Xunta. Unha curta época marcada pola debilidade dun goberno que carecía do apoio do PSOE de Ferraz.
A secuencia cronolóxica do libro remata coa chegada de Manuel Fraga Iribarne —e os seus cen gaiteiros, á Praza do Obradoiro— que controlaría o poder en Galicia durante as tres seguintes lexislaturas, entre 1990 e 2005.
Pasou o que pasou (2021) resulta unha lectura imprescindíbel para coñecer os alicerces daqueles anos incertos onde nada estaba escrito. Unhas páxinas que se debullan con pracer a través dunha análise rigorosa dos acontecementos.
«Pasou o que pasou»
Lito García Lago
Morgante Editoria (Cangas, 2021)
213 páxinas