Cubrir prazas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Tanto en conversas sociais como en xornais teño escoitado ou lido tentacións de alcaldes de cubrir prazas públicas, como case sempre a petición dos cidadáns. É xa realidade a cubrición de parques infantís e outros espazos “para que non se mollen os rapaces”, como se en Galicia nunca chovera, nin cando nós eramos pequenos. Tamén vemos en moitos lugares espazos públicos cubertos e privatizados para acubillar terrazas de hostalería, outra lindeza galega.

Calquera proxecto de cubrir un espazo público é ilegal de raíz, porque vulnera os principios fundamentais do urbanismo, que consegue eses espazos públicos abertos pola cesión ou expropiación de propiedades privadas, co fin de conseguir espazos salubres e de relación entre os cidadáns, tamén para o goce visual dende as fachadas privadas.

Os únicos espazos públicos cubertos, ben son carpas efémeras puntuais, ben son centros comerciais ou deportivos, considerándoos como equipamentos públicos e non como espazos públicos baleiros. As cidades necesitan espazo e aire libre, ventilación e arboredo, condicións e dereitos que non se conseguen en espazos cubertos. En algunhas cidades extremas pola neve, como Helsinki, constrúen unha cidade duplicada baixo terra, con comercios e hostalería, pero non cobren o espazo público.

Ollo, pois, á tentación de cubrir espazos públicos. Se chove, que chova, e se non se aproveita o cen por cen do tempo, aprovéitase menos tempo. Se camuflamos baixo propostas innovadoras un fraude contra os dereitos cidadáns establecidos nas leis ¿para que imos aprobar leis que regulen o espazo público?.