Estacional

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

02 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As máis que agradables temperaturas dos últimos días achegáronnos un chisquiño máis ao verán. De feito, o que puido, aproveitou a fin de semana para darse o primeiro baño da tempada nas case sempre xélidas e acolledoras augas da ría. Había xente nas praias e unha temperatura que ben podería darse calquera día de xullo, pero hai detalles que marcan a diferenza e que deixan en evidencia a realidade de que non, aínda non chegou o verán.

Pode que o cambio climático teña algo que ver, pero xa non son as estacións as que marcan a aparición dos bañistas nas praias. Son as condicións meteorolóxicas as que o fan, por iso cada vez ten menos sentido que determinados servizos nos areais se circunscriban unicamente aos meses de xullo e agosto. Vén isto a conto da reclamación de que se adiante a colocación das boias que impiden o acceso de embarcacións ás zonas de baño para previr tráxicos accidentes coma o rexistrado en Sanxenxo hai unhas semanas.

E o mesmo se podería dicir da presenza de socorristas, a instalación de duchas e a limpeza de praias. Non ten sentido que en abril, cos areais ateigados de xente, non haxa nada diso porque, oficialmente, non é verán; e que si o haxa en agosto porque o marca o calendario aínda que chova a mares e as zonas de baño estean desertas. E ten menos sentido aínda cando desde as Administracións se fala da necesidade de desestacionalizar o turismo. Se queremos que veña xente todo o ano, haberá que darlles servizos.

Todo iso ten un custe, claro, e hai que optimizar recursos. Pero estamos a falar de cuestións que, nun momento dado, poden salvar vidas.