Amancio Losada: «O talento é a capacidade de facer pousar o dedo dun espírito sensible»

x. ricardo losada

BARBANZA

ABRALDES

Remarca que o Barbanza é un lugar especial para fotografar paxaros

25 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era neno, Amancio Losada viu por primeira vez unha garza real na braña de Rial. Entusiasmado, volveu a fin de semana seguinte coa intención de observala de novo, pero un paisano reveloulle que alguén lle disparara para disecala. Coa dor, escribiu un tráxico poema. Agora, cincuenta anos despois, tras unha longa traxectoria como arquitecto, decide reparar aquela conmoción publicando un libro, A píllara pillou a duna, no que combina as súas paixóns polos paxaros, a fotografía e os contos de nenos. Polos paxaros, porque «de neno os programas de Félix Rodríguez de la Fuente eran o caramelo agardado no remate da semana». Pola fotografía, «porque a primeira vez que, con dez anos, chisquei o ollo no visor dunha cámara, quedei atrapado pola posibilidade de recortar unha parte da realidade para crear os meus propios universos compositivo». Polos nenos porque «sempre me gustou inventar historias para eles, historias que algúns aínda me recordan de maiores».

E, como non podía ser doutro xeito, daquela anécdota infantil tamén lle quedou o interese por fotografar o mar de Arousa norte, que cualifica como o seu pequeno tesouro e, sobre todo, a enseada do seu Rianxo natal: «Observar a aguia pescadora na praia da Torre ou os desfiles dos mergullóns de pescozo negro son momentos únicos». Pero, como bo naturalista, expande os espazos que lle gusta fotografar. Desde a desembocadura do Allóns ata Villafáfila e Doñana. E, por riba de todos, o parque nacional de Monfragüe: «Non hai experiencia igualable a pasar unha tarde solitaria tirando fotos en 360º no Cerro Gimio, se é posible con tormenta de primavera, agardando pola aguia imperial, o bufo real e a cegoña negra». Cando menos ata que consiga realizar vellos proxectos de viaxes de fotografía da natureza que ata o de agora non puido realizar: «As Feroe, Islandia, ou o parque nacional de Nairobi».

Relación moi particular

Aínda así, Amancio non quere deixar de subliñar que o Barbanza é un lugar moi especial para fotografar paxaros: «Aquí a relación das aves co contorno humanizado é moi particular. Podes fotografar limícolas mesturadas cos bañistas, aguias pescadoras arrimadas aos pescadores de robalizas, cullereiros camuflados entre os mariscadores de a pé. Observar a sutileza da píllara das dunas desde o paseo de Coroso ou da praia do Vilar. Gabitas en Barraña, mazaricos reais en Mañóns, o bule-bule na Ladeira, ou os picados dos mascatos no faro de Corrubedo».

Pero, para acadar o nivel artístico dos seus libros, é necesario algo máis: o talento. «O talento é a capacidade de facer pousar o dedo dun espírito sensible». Por iso o incomoda esa manía actual de pasar co dedo índice as fotos no móbil, ás presas, sen degustalas. O espírito das cidades lentas, que el coñece e valora pola súa especialidade en urbanismo, é esencial na fotografía de paxaros. Pero, por iso, tamén son decisivos os avances técnicos: «A fotografía dixital foi un cambio existencial para min. Dáme posibilidades que antes só estaban reservadas aos profesionais». De feito, agora pode controlar todo o proceso, e desfrutar «reflexionando sobre as fotografías desde o momento do disparo ata o revelado final. O que non me gusta é explicalas máis alá dos datos obxectivos». Xa que logo, se tivese que escoller entre os aspectos técnicos e os aspectos líricos, non tería ningunha dúbida: «Fotografar cunha cámara reflex ten unha mística moi especial. Intégraste nunha realidade universal ao alcance de calquera». Como ese frustrante momento, que aínda hoxe o desacouga, en que no miradoiro da Portilla do río Tiétar, á tardiña, se pousou unha aguia imperial moi preto del e da súa filla Laura. Ela conseguiu tirarlle dez fotos. El, liado coas necesidades técnicas (montar o trípode, preparar o teleobxectivo de 500 mm) tivo que conformarse con sentir o bater das ás ao pasar a aguia por riba deles. «Fotos non fixen, pero o momento quedoume gravado para sempre».

Mais Amancio tamén cre que, detrás de toda fotografía, como detrás de todo conto, debe haber un compoñente ético. «Recordo que a principios dos noventa impartín un curso de fotografía en Rianxo. Fixemos unha exposición coas fotos dos alumnos e unha veciña veu pedirme que sacase unha foto súa. Como me atrevía a poñela co pano á cabeza. Era a mellor, pero quiteina. Ese día decateime do verdadeiro poder da fotografía».

E vendo as fotografías de Amancio Losada, e os poéticos textos, debedores xa de Manoel Antonio, xa de Gloria Fuertes, que as acompañan, un non ten ningunha dúbida de que só publica aquelas fotos das que ten a certeza absoluta de que ningún paxaro virá indignado a pedirlle que as retire do libro. Ao fin e ao cabo, a súa defensa dos dereitos dos animais, como a dos dereitos dos nenos, non é froito dunha reflexión ética, senón dunha disposición, como el mesmo di, innata.

Un espírito renacentista

As primeiras fotos de Amancio Losada foron nunha excursión do Catecismo no castro de Santa Trega. Desde ese momento todos os seus aforros foron para a fotografía mentres a súa vontade se centraba en construír un expediente académico excepcional. Aínda hoxe o recordan, admirados, todos os seus profesores como un alumno cunha enorme capacidade de traballo e un interese renacentista por todo tipo de materias. Con 19 anos montou o seu primeiro laboratorio caseiro de revelado e, a pesar do seu autodidactismo, impartiu cursos de fotografía de grande éxito en Rianxo.

Ademais da súa profesión de arquitecto, e a pesar da enorme carga de traballo do boom inmobiliario nos anos noventa, Amancio non abandonou ese espírito renacentista, fomentando un asociacionismo cultural e deportivo que estimulou en Rianxo de forma moi decisiva, mesmo con xenerosos patrocinios empresariais ou proxectando as primeiras alfombras florais.

Fundou o Club Voleibol Arco Iris e a Asociación Cultural Fervellón que todos os rianxeiros recordamos polo seu fértil dinamismo. E en 1991, cun grupo de amigas moi talentoso (Olga e Ánxeles Miguéns, Dori Abuín e Maite Rodríguez), presidiu a Comisión de Festas de Guadalupe e, dun ano para outro, fixéronas pasar dunha fase de monotonía e inercia de verbena a un novo formato, que aínda dura hoxe, de actividades que integraban aspectos lúdicos e tradicionais con aspectos culturais e innovadores todo o día.

Agora, coa sexta década da súa vida moi preto, decide facer pública a súa paixón pola fotografía, integrando en libros o seu indomable espírito renacentista. Técnica, arte, literatura, ciencia, humanismo. Primeiro co libro Paxarada no mar de Arousa Norte: Momentos fotografados, agora con A píllara pillou a duna e, moi pronto, con outros dous libros cos que xa está gozando.

Como el mesmo di, «por ser fotógrafo da natureza profesional, daría marcha atrás sen dubidalo». De feito, cando lle pido que imaxine unha situación para as catro da mañá, non dubida: «Almorzar e saír cara a Villafáfila —a catrocentos quilómetros do seu domicilio—, para ver as avetardas á primeira hora da mañá».