A praza

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Umas botas de peregrino abandonadas na Praza do Obradoiro.
Umas botas de peregrino abandonadas na Praza do Obradoiro. XOÁN A. SOLER

«Dende os primeiros ensaios urbanísticos colectivos, os sumerios e babilonios, pasando polas cultas cidades gregas e romanas, e tamén na idade media ou renacemento, a praza foi unha peza fundamental dos conxuntos urbanísticos do mundo»

09 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende os primeiros ensaios urbanísticos colectivos, os sumerios e babilonios, pasando polas cultas cidades gregas e romanas, e tamén na idade media ou renacemento, a praza foi unha peza fundamental dos conxuntos urbanísticos do mundo. Entendeuse sempre como o punto de encontro, xuntanza, socialización e relacións comerciais, porque o mercado era a actividade dinámica que facilitaba o encontro das persoas.

Se botamos unha visual ás principais prazas do mundo, e concretamente en Galicia, encontramos espazos pechados no seu perímetro, dotados de árbores —aínda que moitas delas as perderon posteriormente—, ben asolladas e orientadas, lugares nos que apetece estar, que permiten a relación entre as persoas. Tamén foron, e son, lugares culturais nos que se celebran concertos, actos solemnes e todo tipo de celebracións.

Foi o movemento moderno do século XX o que introduciu un cambio de paradigma no deseño das prazas, introducindo novos modelos de espazos urbanos máis flexibles e abertos, que se espallaron por todo o mundo, e dalgún xeito representaron un referente errado no que hoxe se deseña como praza. Entendo que non serve calquera urbano como praza e lugar de encontro, moitas veces sen referentes laterais e mesmo sen elementos urbanos (bancos, árbores), pero vemos como moitos lugares inauguran eses agorafóbicos espazos co nome de praza. É unha reflexión miña e de moitos autores actuais que entenden que unha praza é algo máis, e debemos prestar atención aos costumes do pobo para localizar os elementos urbanos que se incorporan nela. Unha explanada nunca será unha praza.