Deportes

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

«Se todos os xornais lle dedicaran unha páxina diaria á divulgación do patrimonio cultural é probable que en poucos anos seríamos máis protectores e sería un tema moito máis divulgado entre nós»

16 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É certo que os medios de comunicación condicionan moita da información que emiten ao que lle gusta ao público, intentando gañar adeptos, e moitos deixaron de existir por non facelo. Isto fai que midan moitos factores sociais e culturais do pobo ao que van dirixidos.

Unha persoa observadora decátase que os deportes —e o fútbol preferentemente— ocupan horas de radio e televisión e páxinas dos xornais, e non falemos dos luns, que unha boa parte da información que hai é deportiva, futbolística sobre todo.

Se ese mesmo observador cronometra o tempo que se lle dedica á cultura, e deixando á parte o cine, a literatura e as exposicións, vemos que a presenza nos medios xeneralistas é practicamente nula. Non sucede tanto noutros países europeos —incluído o veciño Portugal—, onde o patrimonio cultural ten moita máis presenza, porque interesa máis ao pobo.

Se todos os xornais lle dedicaran unha páxina diaria á divulgación do patrimonio cultural é probable que en poucos anos seríamos máis protectores e sería un tema moito máis divulgado entre nós, e penso que vendo as redes sociais non sería un camiño errado, porque cada vez suscita máis interese e curiosidade, por tanto, máis coñecemento e amor polo que herdamos, e consecuentemente sería máis coidado e menos maltratado.

Unha maioría de xente adquire o coñecemento pola televisión, e vendo o que se ve nas programacións, di moi pouco de nós o que se transmite a diario. Parece que o noso máis valioso patrimonio é o fútbol, e o saber popular das aliñacións e partidos supera con creces ao coñecemento do medio no que vivimos.