«Un home non se debera xulgar tanto pola escala dos seus éxitos como pola anchura e pluralidade dos seus fracasos»
08 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Un home non se debera xulgar tanto pola escala dos seus éxitos como pola anchura e pluralidade dos seus fracasos. Parafraseando a William Shakespeare, os homes estamos feitos da materia das derrotas.
Na adolescencia, os fracasos son tan dramáticos como inocuos; na mocidade, confírmanche nas eivas que veñen de serie cun mesmo; na primeira madurez non tes tempo para pararte a pensar neles e xa despois, de vello, habería que ir mercando un bloc porque a lista definitiva adoita ser ben longa.
Eu uso os fracasos como un test de recursos humanos. Non me fío de quen nunca recoñeceu un, pero tampouco dos que mos enumeran con detalle. Dos fracasos vénse chorado de casa, e nada presta mellor que mudar o fracaso nunha autoparodia que contar no bar. Entre a traxedia e a comedia, sempre a traxicomedia!
O ideal é cheirar os fracasos a medio prazo para ir cara eles cun certo aire de dignidade, como quen aínda agarda triunfar na festa de fin de ano. Acudir ao fracaso con sentido heroico. É o que fago eu coa praga de acacias que temos metida nunha das leiras da casa. Tanto ten o que faga: que as corte, que se tapen, que veñan os americanos bombardear con napalm, que conciba un sinistro plan para deitar un camión de ácido sulfúrico.
Sei que eu abandonarei este mundo, e as acacias continuarán ata que elas queiran. As acacias, as silveiras, as mimosas, as xuncas, os algarrobos e o resto de malvadas criaturas concibidas no Averno para demostrar ao home que, se ten un propósito neste mundo, ese é fracasar.