
Éo alcume co que se coñecía a Dolores Rodríguez Vilas, unha muller estradense de finais século XIX que se distinguía pola súa estatura, moi superior á das mulleres da época, feito do que naceu o alcume. Cómpre unha homenaxe, no día de hoxe, a unha muller que namentres sacaba adiante a seis fillos, destacaba polo seu labor emprendedor, sen ter unha formación específica, sen experiencia concreta. Non necesitou a ningún político para empoderarse. Nunca sentiu a desigualdade.
Maximino -o seu marido- tivera que emigrar a Cuba, como todos os homes inquedos da época, e tras comezar polos labores máis humildes, conseguiu emprender un negocio e enviáballe cartos á súa muller todos os meses. Dolores non gardaba eses cartos nun baúl, senón que os empregaba para multiplicalos. Mercaba leiras rústicas para arrendalas, cando o rústico tiña un gran valor. Compraba vacas fértiles para arrendar a cambio do xato, que logo vendía.
Sen contratos nin intermediarios, sen papeis. A súa palabra e o trato eran documentos suficientes para pechar cada negocio. Foi así como incrementou o patrimonio familiar, sen contar cos bancos, xerado polo negocio de ultramar. Chegou a comprar a mellor casa da vila, por seis mil pesetas, para arrendala a varias familias e negocios, e entraba no portal a cabalo ata o patio posterior, cada mes para cobrar os arrendamentos. Cada un dos seis fillos herdaron cadanseu legado importante. Non se atopou fotografía ningunha dela, so o testemuño familiar e veciñal. Dolores foi unha das miñas bisavoas maternas, pero non cheguei a coñecela pero estou moi orgulloso.