09 ene 2023 . Actualizado a las 20:48 h.

Non vou escribir sobre xeografía nin de mobilidade, senón sobre a orientación das vivendas. Aínda que pareza secundario á hora de comprar unha vivenda ou de construíla, a orientación ten un reflexo directo sobre o aforro enerxético e gasto en calefacción, para toda a vida.

No hemisferio norte —Galicia— é conveniente que as vivendas teñan fachadas directas ao norte e ao sur, e unha canle de comunicación aérea entre as dúas orientacións, para poder levar a cabo unha ventilación cruzada para a renovación do aire interior sen perder eficiencia, tanto no verán como no inverno. Ao sur debemos situar a cociña, as estancias, o comedor, todo o que se utilice de día, e orientando ao norte os dormitorios, para crear un ambiente óptimo para o descanso.

Este criterio pode ser modificado en algunhas localidades marítimas nas que o vento mareiro pode condicionar a que sexa mellor a orientación oeste a leste, con algún tipo de celosía ou protección solar.

Son aspectos a ter en conta á hora de comprar ou de construír, que moitas veces pasan por alto. Como tamén se pasa por alto o tempo de ventilación da vivenda, que no inverno débese reducir a 20 minutos diarios para evitar que arrefríen as paredes interiores, perdéndose confort e necesitando máis aporte calorífico para devolverlles a temperatura.

Tamén é conveniente no inverno abrir as cortinas e persianas da fachada sur para que entre o sol ao fondo, pechándoas pola noite. Se fose posible, a construción dunha galería vidrada, con dobre parede interior e illamento, garante a mellor condición bioclimática no interior da vivenda.