A intención non é o que conta

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

12 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha escusa habitual dos rapaces cando se portan mal é explicar que non foi feito a posta: ampáranse na crenza de que son máis condenables as intencións que os feitos. Estes días con tanto debate sobre a imaxe de Galicia nas películas de cartelería, propoño un exercicio sobre intencións e feitos: mirar con perspectiva.

Podemos dicir que As bestas é unha película que defende a ecoloxía e denuncia o abandono do rural nun momento de cambio climático, ou que O que arde é unha crítica aos incendios, se iso nos fai felices.

Pero se observamos estes filmes desde un miradoiro de tempo veremos que non se separan nin un milímetro do guión tedioso que leva retratando unha (intencionada) Galicia bárbara desde o século XV. A fidelidade ao orixinal é tan pasmosa que mesmo hai que felicitalos polo ben que quedou o remake adaptado aos novos tempos.

Que o guión de fondo sexa tan vello fai que todo pareza natural, de toda a vida. E iso une: a creadores galegos e foráneos, ao público, e aos que poñen a pasta para gravar. Estou certo de que os guionistas e realizadores non teñen mala intención. Mesmo todo o contrario. Xusto ese é o grande éxito do guión: facer pensar que non se pode escribir outro.

Eu recomendo a estes profesionais un pequeno test sobre intencións. Miren para a súa película desde este miradoiro temporal: se ten demasiada semellanza coas de Xan das Bolas, os poemas galegófobos de Luis de Góngora ou as reportaxes sobre Galicia dos telexornais, saberán que a intención non sempre é o que conta.