O itinerario peonil accesible (IPA) é un espazo urbano seguro para calquera persoa, teña discapacidade ou non, porque todos temos necesidades de accesibilidade algunha vez na vida: cando nos levan no carriño de bebé, cando rompemos unha perna, cando somos maiores e camiñamos con bastón ou ben paseniño, ou ben circulamos en cadeira de rodas.
Segundo o regulamento de accesibilidade e supresión de barreiras en Galicia, todo itinerario peonil ten que ter unha dimensión mínima de noventa centímetros libre de obstáculos —tanto sinais de tráfico, papeleiras, como semáforos e outros tipos—, o que inclúe o mobiliario particular de hostalería.
Sempre quedará ese paso de noventa centímetros no espazo público, no lugar preferente e intuitivo para as persoas con discapacidade, que no caso dos cegos debe estar pegado á fachadas das casas. Isto significa que fronte ás fachadas das casas non debe haber ningún obstáculo neses primeiros noventa centímetros, e de haber mobiliario de hostalería ten que estar separado eses centímetros da fachada do establecemento.
Todo parecía interpretable polos municipios e polos hostaleiros ata hai pouco. O Tribunal Supremo ven de anular varias ordenanzas municipais de terrazas por incumprir ese precepto, obrigando a modificar as terrazas xa existentes.
Unha persoa cega ten dereito a circular polo espazo urbano a carón das fachadas dos edificios sen obstáculos nin impedimentos para o seu tránsito que poidan poñer en perigo a súa estabilidade. Exceptúanse, como é lóxico, os parques, xardíns, praias e espazos públicos sen edificacións.