CARMELA QUEIJEIRO

07 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A expresión común que se escoita dun emigrante cando anos despois regresa á vila na que medrou é «está descoñecida», e moita xente interprétao como algo positivo, porque pensa que progresou moito. Non minte, estase enganando a si mesmo, porque se emigrou foi para mellorar as condicións de vida que na súa vila natal nin soñaría conseguir, e o lugar que deixou, para el, representa a pobreza, un lugar sen oportunidades vitais. Non minte, pero representa unha situación anormal, que non se dá nos países nos que non emigran, onde a tradición se mantén, sen renunciar ao progreso non destrutivo.

Ratificábamo recentemente a prestixiosa antropóloga Ana Filgueiras, coa que coincido que para actuar nun espazo, tanto público como privado, debemos empaparnos do seu contido inmaterial, da espiritualidade e dos ritos que os mortais facemos cada día, que manteñen un corpo patrimonial invisible, que ao modificalo estamos alterando as enerxías, o apego e os recordos, modificándoo para sempre, substituíndoo por un novo espazo sen memoria.

A antropoloxía social estúdase nas universidades portuguesas, tanto na carreira de arquitectura como noutras, e iso explica que en Portugal saiban progresar mantendo o contido inmaterial do espazo. Por tanto, podemos concluír que cando unha vila é «descoñecida» para alguén que medrou nela estamos ante un grave problema de perda da autoestima urbanística e patrimonial, de arraigo. Estamos revivindo unha desconexión co noso pasado, cun trauma social e cultural asociado.

Tomen boa nota alcaldes e deseñadores urbanos, non xoguen coa nosa memoria.