Rasgos físicos e candidatos

José Vicente Domínguez
josé vicente domínguez LATITUD 42°-34', 8 N

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

30 mar 2023 . Actualizado a las 09:53 h.

Nin dubido nin afirmo que os candidatos que aspiran a representarnos nas vindeiras eleccións mintan intencionadamente ou queiran contarnos contos da pipa; pero a verdade é que, ao final, uns querendo e outros sen querer, fan o que lles peta, o que lles deixan ou o que lles convén. Ante a falta de credibilidade, ademais das súas verbas e parolas, sería bo que nos fixáramos no que mostran os trazos físicos.

A aparencia de cada un pódenos dar a idea aproximada da clase de persoa que nos vai representar. Dicían os antigos que o careto era o espello da súa alma. E dos corpos, das idades e das fasquías, tamén fala dabondo o noso refraneiro. Xa que logo, imos darlle un lúdico repaso a algunhas das opinións e refráns que, dun xeito ou doutro, poden axudarnos a elixir os alcaldables. Esta pseudociencia recibe o nome de morfopsicoloxía, de maneira que xa ven a importancia que o asunto pode ter.

O gran Aristóteles deixounos un breve tratado para poder recoñecer ás persoas de acordo coas súas facianas e dicía o seguinte: os que teñan a nariz ancha son lacazáns, os de labios carnosos terán tendencia a tolemia, os de labios delgados solen ser persoas orgullosas, os de pelo fino son apoucados, mentres os de cabelos grosos son valentes, e os de ollos ben separados, cara ancha e pómulos fortes son líderes. Coñecida é a misoxinia dos filósofos imperantes naquelas datas, polo que cando fala das persoas, estase a referir exclusivamente os machos.

Outros autores modernos, pensando que as caras e os corpos son como a portada dun libro, falan das seguintes características das persoas: As que teñen cara de neno vanse formando pouquiño a pouco, as de nariz pequeno son sensibles e amables, as de nariz largo teñen tendencia a dirixir aos demais, as de fronte pequena e cellas altas son agradables, as de cara fina son activas e felices, aquelas con queixo ancho son máis fiables. En canto aos corpos, eses autores din que as persoas con figura de pera son máis sans e activas.

Ademais, hai multitude de refráns que nos poden axudar na nosa elección. Velaí uns poucos: Home pequeno, fol de veleno; home grande e gordo, lacoeiro; de vella, gaiteira; de quen pon os ollos no chan, non te fíes man por man; boas palabras e malas obras, hainas de sobra; e o que alto mira, baixo se queda. E para rematar: o home por maior non é máis listo, tan só perde pelo. Hai algún que omito, pois pode parecer un debuxo de algún dos candidatos e non é cuestión de faltar.

Tomemos como un conto o que lles acabo de dicir e deixémonos levar por feitos de maior fundamento pois, como dicía Hegel, «hai que distinguir entre a beleza externa e a interna ou a física da moral». Ou recorrendo ao refraneiro: Non todo o que entra na rede é peixe.

Un vello xesuíta, falando de realidades e certezas, díxome nunha ocasión: «Ao Antigo Testamento, nin caso». E eu tamén lles estou de acordo con iso e co que di o refrán: Cando hai santos novos, os vellos non fan milagres. Claro que isto tamén se pode aplicar aos políticos en activo que comezaron sendo novos e poucos milagres fixeron; polo que ben poderíamos axudar a que estes modernos dinosaurios fosen deixando os seus cargos.

E xa saben vostedes, amigos lectores: Hai quen calando fala e falando non di nada.