As comisións (de festas)

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Orquesta Panorama, en imagen de archivo
Orquesta Panorama, en imagen de archivo Miguel Villar

13 abr 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

Hai anos preparaba un documental e tiñamos que entrevistar a dúas mulleres da parroquia. Faciamos tempo mentres se preparaba o set, e elas comezaron a me contar cousas. «Nesa casa viven tres, naquela dous, e naquela de alá catro. Nesoutra aldea sonche oito, tres na casa da estrada, unha na do fondo e catro na de máis alá». Fiquei impresionado con esa memoria que máis que fotográfica era demográfica. Un compasivo veciño explicoume algo evidente que eu non vira. «É que son da comisión de festas, home». As señoras tiñan calculado o volume de ingresos por aldea e as cotas en función do número de veciños por casa. Na cabeza levaban unha previsión de gasto digna dun conselleiro de economía.

Non se me ocorre traballo local máis sufrido que o da comisión de festas. Ser político municipal ten o seu mérito tamén, pero eles contan con gratificacións como que che poñan a vivir nas redes sociais por non cambiar unha papeleira. As comisións, por agora máis discretas, son o que hoxe se definiría como exército híbrido, pero en versión rural. Un pouco comando de operacións especiais, internándose en aldeas hostís, algo de brigada antidisturbios agardando unha pedrada por onde non espera, un aquel de piquete sindical do sector naval, dispostas a exercer sutil chantaxe sen enunciala de xeito explícito.

Teño visto comisións de festas máis unidas que algúns batallóns tras combater en Afganistán, e non negaría que pasaron por situacións de perigo similares ao iren recadar. Xusto é celebralas como heroínas do cotián.