Xandre Millet, o barbanzán que reivindica as loitas sociais a través das súas letras

Celia Riande García
Celia Riande RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

O músico ribeirense presenta o seu segundo traballo publicado, «Moi noso»

19 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A música é, ademais dunha paixón para moitos e un pasatempo para outros, unha excelente vía de reivindicación para todo tipo de loitas. Deste xeito, tanto os acordes como as letras poden converterse en auténticos himnos de movementos sociais, transformándose en armas de batalla que suman á hora de pelexar contra as inxustizas. Con este obxectivo escribe Xandre Millet, mozo de Aguiño que presenta o seu segundo proxecto como cantautor sete anos despois do seu debut con apenas 17, un disco que recibe o nome de Moi noso, e que conta coa colaboración de artistas como Javi Maneiro, de Heredeiros da Crus, ou o cantante portugués Fernando Almeida.

«Considero que é noso, como indica o nome, polo idioma en primeiro lugar, e despois porque está cargado da retranca que nos caracteriza». Así explica Xandre Millet o froito de meses de traballo, que por fin verán a luz o próximo día 24 coa publicación dos temas que integran o seu último proxecto: «O disco ten moito esforzo detrás. Quen me coñece ou escoita a miña música sabe que sempre intento dar a coñecer a nosa cultura e a nosa lingua, e cada tema ten unha historia agochada».

En canto a cales son algúns dos exemplos destes relatos, Xandre Millet asegura que cada canción é completamente distinta do resto: «O primeiro tema chámase Os silenciados, e fala dos dereitos das persoas LGBT. Hai outro que conta a historia dunha muller maltratada, un de crítica política, outro de emigración, ou incluso da historia de Galicia e Portugal a través da relación entre dous namorados. A máis simpática é a canción na que colaboro con Javi Maneiro, que recrea unha conversa entre dúas vellas e está cargada de humor. Dende logo, é un proxecto moi variado, cada tema é un mundo».

A lume lento

En canto a como foi a creación do disco, Xandre Millet recoñece que o proceso non foi rápido, senón que leva moito pensamento detrás: «Eu non pensaba en sacar un álbum. Tiña cancións no meu caderno e decidín ir gravalas, pouco a pouco, mirando conscientemente o que quería ir facendo con cada unha delas. No primeiro fora todo máis a correr, e neste puxen todo o meu empeño para que todas as cancións fosen igual de importantes e tivesen a súa personalidade propia. Pensaba sacalos independentemente, pero vin que todos tiñan un fío que os relacionaba, e foi aí cando decidín agrupalos».

Sobre as distintas colaboracións coas que conta este traballo, destacan as ilustracións da artista galega Andrea Menéndez, coa que Xandre Millet quixo traballar ao descubrir o seu talento: «Unha vez que decidín recompilar todos eses temas nun disco, puxen nas redes sociais distintas enquisas para coñecer artistas que se dedicaran ao mundo da pintura porque quería que o disco reivindicara a nosa cultura dende a primeira nota ata a última letra, e ten debuxos cunha gran personalidade. Eu pasáballe os temas, explicáballe en que consistían, e ela plasmou todo iso a través dos seus trazos».

Facetas musicais

A paixón pola música que sinte Xandre Millet non se limita á súa faceta como cantautor, xa que o ribeirense é tamén director da orquestra Sons, compaxinando ambos mundos: «Outra xente exprésase escribindo ou pintando, e a miña forma de facelo e dicir o que penso é esta. Trátase de algo moi persoal, son as miñas letras, a miña música, a forma de expresarme. Como director de orquestra é igual, ademais de dirixir cancións doutras autorías, compoño a miña propia música instrumental, o que me permite expresarme con liberdade».

Agora, a uns días da publicación de Moi noso, Xandre Millet reflexiona sobre como foi a súa evolución como compositor e cantante ao longo dos anos, dende o seu primeiro contacto coa música aos 17 anos: «Con este proxecto síntome orgulloso de min mesmo. Se comparo o primeiro disco con este, vexo unha evolución tanto na música como nas letras. Penso que é súper bonito mirar para atrás e ver esta transformación, e agardo seguir podendo avanzar no mundo da música».