Un campo aberto era perfecto para xogar á chave ou á billarda. Un terreo máis ou menos liso, de terra e sen herbas, e onde fose doado facer unha coviña era o escollido para xograr ás bólas e volver á casa cos xeonlleiras rotas e enlamadas. Pero chegou o cemento ata a máis afastada aldea do concello, e xogos como o gua perderon o seu espazo e só algúns nostálxicos con artrite o lembran xunto coa súa ladaíña: «Primeira, truque máis truque, pé, paso de bóla e gua».
O cemento expulsou ós rapaces de moitos daqueles xogos tradicionais pero abriulle outros onde é primordial a habilidade e non tanto a estratexia. Cambian os tempos e cambian os usos, incluso en xogos de interior as cartas e o parchís deixáronlle o seu sitio ás consolas, coas que dende o sofá se poden botar interminables partidas matando zombis ou buscando un fantasmagórico tesouro sen gastar máis enerxía que a dun dedo. Estou por asegurar que ningún cativo de hoxe ganaría unha man á escoba ou ó chinchón, pero todos coñecen as diferenzas entre unha Nintendo e unha Xbox e nas súas redes sociais presumen dos puntos acadados por superar unha serie de obstáculos sen mover un músculo.
E estes e aqueles xogos non teñen por que ser incompatibles. Así como trocou o tipo de chan ou de terreo, as tendencias lúdicas tamén se adaptan ós novos espazos, e aqueles divertimentos de cando o país era un lameiro e o cemento un luxo só admitido nas rúas principais, déronlle entrada ós monopatíns, patinetes e outros elementos que veñen a substituír ás carrilanas de toda a vida. Nas rúas hai máis rapaces con skates ca con bicicletas.
Xa non se venden bólas nin pelouros nin buxainas, se non é como curiosidade de saudosos avós que non saben a que xogar, cando noutro tempo eran eles quen nos ensinaban a facer un papaventos, a golpear a billarda ou a conducir o aro. Cambiaron os tempos e ata cambiaron os mestres; e estoutro día Xulio viu como un neto intentaba que o seu avó se mantivese dereito sobre un monopatín.
Cada idade ten o seu campo de relación, agás as excepcións que sempre hai; xogar ás cartas é de vellos e desprender enerxía física de adolescentes; cando cansan de disparar contra ovnis sacan os seus artefactos na procura dun lugar onde desafogar e desentumecer os músculos, polo xeral nalgunha praza urbana, demostrando habilidades ximnásticas e circulatorias por, entre e sobre, bancos, chanzos, escadas ou os pasamáns, con arriscadas demostracións que acaban deteriorando o mobiliario e o entorno, que por non estar deseñados para soportar tanto skate, acaban convertidos en refugallos e expulsando ós usuarios que nestes espazos procuran a relaxante raxeira do sol.
Os que aprendemos a xogar ó baloncesto en canchas térreas, con pozas, terróns e pedrugallo dámoslle a benvida a estes novos skatepark que se puxeron de moda, moito mellor acondicionados, que os concellos nos prometen en plena campaña, aínda que, en opinión de Xulio, non estaría de máis, nin se lles dispararía o presuposto se a carón do tal park adecúan unha pista para a chave ou a petanca, espazos de entretemento onde se permita a inclusión de mozos e vellos, pois onde hai cancha hai xogo e todos teñen cabida.