Aquen non lle soa a máxima ecoloxista das tres erres? Reducir. Reciclar. Reutilizar. Igual nos soa a esa xente que se dedica ao ecoloxismo, porque nin reducimos, nin reciclamos nin reutilizamos. Aínda que no rural galego o de usar a vella bañeira como bebedeiro do gando ou o metálico da cama como cancela vén sendo algo cotiá, que non normal, porque o normal sería reciclalos, é dicir, pasalos polo proceso industrial para fabricar novos elementos. E reducir é xusto o que menos facemos. Só reducimos o consumo por aforrar cartos, non por favorecer a recuperación do planeta. Sancionarnos con prezos altos é o único método para facernos conter, e non moito.
Pero hai outras tres erres menos coñecidas polo pobo, relacionadas coa vivenda e co urbanismo: Rexenerar. Rehabilitar. Renovar. É tamén un xeito de colaborar coa supervivencia do planeta, de mellorar a nosa calidade de vida, reducindo os coches, plantando novas árbores, mellorando o illamento das casas, reducindo o consumo dos fogares, renovando os materiais da nosas casas. Hai unha sétima erre que tamén é imprescindible nas nosas vidas: a restauración, que vén sendo manter nas debidas condicións o noso patrimonio cultural, os nosos santos, os nosos monumentos.
Quero chamar a atención a dúas erres que os medios de comunicación e a publicidade nos fan confundir. Chámanlle «restauración» ao que se lle debe chamar gastronomía. Chámanlle «rehabilitación» á recuperación dos nosos músculos tras unha patoloxía.
Reclamo que se deixen de utilizar eses termos, e se use gastronomía e exercicios de recuperación patolóxica.