Estrea dunha nova pluma en Barbanza, Ana Rial

BARBANZA

nell

A veciña de Palmeira presentou o seu primeiro libro, «Carme e a serea Mariña»

22 sep 2023 . Actualizado a las 13:53 h.

Carme e a serea Mariña é o título do libro co que ven de estrearse unha nova escritora de Barbanza, Ana Rial Maneiro. Para a súa posta de longo, a autora elixiu a Casa do Mar da súa Palmeira natal, onde estivo arroupada pola concelleira de Cultura de Ribeira, Antía Alberte, e pola vicepresidenta da asociación Barbantia, Isabel Santos.

Ana Rial explicou que o texto foi escrito no 2019, aínda que a irrupción do covid supuxo unha paréntese no proceso de busca de editorial, ata que en maio do ano pasado recibiu a chamada de Cuadranta. Sobre o contido da obra, explicou que ten como punto de partida un feito real, a existencia de illas de plásticos repartidas polos océanos Índico e Pacífico: «Coñecedoras deste problema, Carme e a serea Mariña tentan reverter a situación emprendendo iniciativas no seu ámbito máis próximo, Palmeira».

A autora engadiu que con este primeiro libro busca «inculcar valores medioambientais nos pequenos e crear conciencia, trasladar que os cambios empezan por pequenos xestos». Tamén pretende contribuír a crear hábito lector nos nenos.

Á necesidade de crear conciencia medioambiental referiuse tamén Antía Alberte, que aproveitou a ocasión para destacar a canteira de escritores coa que conta Palmeira.