Factor sorpresa

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Una de las casas rehabilitadas.
Una de las casas rehabilitadas.

Polo xeral, as casas galegas teñen unha entrada previsible, xeralmente no centro da fachada á rúa ou dando a unha terraza cuberta frontal. Libre de obstáculos para que se vexa, talvez teña a súa orixe na necesidade de conectarse coa xente. Era moi común ver á xente na porta ou nas xanelas agardando conversa cos que pasan por diante.

Moitas veces é un simple convencionalismo, por sinerxía co que vemos, porque esas fachadas en ocasións incluso están mal orientadas. É certo que os vellos orientaban mellor as casas que nós, porque estudaban cada pormenor climático, e ás casas tradicionais tamén se accedía xeralmente por detrás ou polo lateral.

Non sempre foi así, e mesmo hai culturas que o entenden doutro xeito, tamén arquitectos que o fan adrede para crear o factor sorpresa. Un destes arquitectos é o premio Pritzker Álvaro Siza, que aproveita os laterais, ou nalgúns casos a fachada posterior para situar a entrada ás casas, deixando a fachada limpa para cubrir outros aspectos sensoriais e emocionais.

Ás veces, esa entrada principal esténdese ao exterior como un gran salón no que se reciben as visitas, lonxe da rúa, lonxe do ruído. Facer a sobremesa ou ler nun espazo exterior lateral libre de ruídos fai máis amable a vida, e se che veñen visitar, tamén os recibes de xeito humilde e doméstico, convidando a quedarse.

Mesmo nas casas dos suburbios das cidades norteamericanas teñen a porta principal de adorno, usando a porta posterior para entrar á casa, facéndoo menos solemne e máis doméstico. Nos edificios públicos modernos tamén xa se está usando o factor sorpresa.