O centro situado en Ribeira recibirá o galardón na categoría de artes visuais
16 oct 2023 . Actualizado a las 19:08 h.O xurado dos Premios da Cultura 2023 reuniuse na mañá deste luns en Santiago de Composela para outorgar os recoñecementos desta edición. Na xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura e estivo presidida polo conselleiro Román Rodríguez, anunciouse que un dos galardóns viaxará a Ribeira, concretamente ao Museo do Gravado de Artes.
O centro museístico barbancés foi distinguido na categoría de artes visuais. No resto da seccións os galardóns recaeron en Yolanda Castaño (letras), PistaCatro (artes escénicas), Banda de Müsica Unión de Guláns (música), Portocabo (audiovisual), Ponte... nas Ondas! (lingua), Eudardo Pardo de Guevara (patrimonio cultural) e cursos de verán Galego sen fronteiras (proxección exterior).
No seu veredicto, o xurado tivo en conta a longa e intensa traxectoria do Museo do Gravado de Artes, unha institución creada no 2001, que custodia e difunde unha das maiores coleccións de artes gráficas de España e de Europa. Nela hai obras de autores como Goya, Rubens, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Dalí ou Picasso. Integran os seus fondos gravados orixinais, gravados sobre prachas orixinais realizados en épocas posteriores e reproducións facsimilares.
O centro museístico non só expón e cede obras, senón que tamén promove a creación artística e a formación mediante un obradoiro. Ademais, conta cunha biblioteca ilustrada e organiza o Premio Internacional Atlante.
Cos galardóns da Cultura Galega, a Xunta de Galicia distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural galega.