Fóisenos este luns, logo de coidarnos toda unha vida e deixando Deán Pequeno un pouco máis orfo
26 oct 2023 . Actualizado a las 20:40 h.Na fábrica, nas leiras, nos fogóns, na horta e na casa; ata que o corpo llo permitiu, a avoa, Pepita a da Horta, traballou de sol a sol. Espertaba co canto dos galos que ela criaba e ía para a cama a primeira, despois de ver o tempo e preparar o día seguinte.
Se chovía sabía que non podería sacar ás galiñas; se viña bo tempo, collía o fouciño e ía ao batume; e se tocaba sachar, facíao en canto saía o sol. Falaba a través de refráns, que lle servían para explicalo todo: o día a día, o ser humano, as estacións, as épocas de plantar e o paso do tempo.
O loito acompañouna media vida tras quedar viúva sendo moi nova. A súa imaxe na praia de Coroso vestida de negro, sorrindo mentres estaba sentada na area, acompañaranos sempre, evidenciando que con nós conviven múltiples maneiras de ver, disfrutar e entender a vida. Mentres puido, lía este xornal tódalas mañás. Ía amodo, pero segura, o máis rápido posible para unha muller que se criou na posguerra e á que vida apenas lle deixou pisar a escola.
Cando deixou de lelo, fomos entendendo que Pepita marchábase pouco a pouco. Fóisenos este luns, logo de coidarnos toda unha vida e deixando Deán Pequeno un pouco máis orfo. Con ela marcha a memoria, valores e leccións doutras épocas moito máis duras ca esta. Se avoa, onde esteas, hoxe abres o xornal, ten seguro que o teu recordo seguirá sempre con nós. A eira xa nunca será o mesmo sen ti.