A morte

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imagen de archivo de un cementerio.
Imagen de archivo de un cementerio. Santi M. Amil

12 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A morte en Galicia é un ritual no que se desenvolven distintas liturxias necesarias para a despedida dos seres queridos. é tan potente que xa se facía na idade de bronce, e no neolítico construíamos casas humildes de palla e madeira para vivir, namentres levantabamos templos para a morte. as mámoas, os dolmens, camposantos de distintas tipoloxías están presentes nas nosas vidas, e rendémoslle tributo cada ano aos nosos falecidos.

hai pouco conversaba cun catedrático dunha universidade norteamericana sobre a transcendencia que ten a morte en galicia, algo polo que el estaba fascinado, non entendía —tampouco o entendo eu, nin os antropólogos— como se está importando esa moda da cremación, na que queimamos o corpo e a alma dos nosos seres queridos, esfumándose a materialización do recordo.

Queimar a un ser querido é desfacerse do seu corpo e do seu espírito, perdéndose a trazabilidade do camiño ao alén, desprezándoo dalgún xeito.

Nas fachadas dos nosos cemiterios permanece, por moito tempo, a memoria histórica dun pobo, as súas relacións pasadas, a investigación sobre as árbores xenealóxicas, a presenza dos defuntos na súa familia actual, os tributos e recordos que permanecen vivos.

Non quero esquecer falar da lingua, xa que igual que nos documentos notariais e xudiciais, os epitafios, as lendas e os nomes están case todos en castelán, o que supón un novo desprezo pola nosa identidade, pola nosa lingua nai.

Hai moito que falar sobre a morte en Galicia, e somos singulares na nosa relación cos nosos mortos. Non nos deixemos guiar polas modas importadas. Sexamos nós mesmos.