O Museo do Gravado consagra a Veiras Manteiga a través dun libro de coleccionista

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A serie de volumes para bibliófilos daralle agora protagonismo a mulleres, comezando por Yolanda Carbajales

14 ene 2024 . Actualizado a las 18:16 h.

Seguindo a estela de Colmeiro, Quintana Martelo, Alfonso Costa e Manuel Ayaso, Xosé Luís Veiras Manteiga ven de ser consagrado polo Museo do Gravado de Artes a través dunha iniciativa que inclúe a inauguración dunha exposición homenaxe, que está integrada por unha trintena de obras, e o lanzamento dun libro para bibliófilos a través dunha edición limitada a trinta exemplares numerados e asinados polo pintor.

Ámbalas dúas propostas foron presentadas nun acto que tiña lugar a última hora da tarde do venres no centro artístico situado en Artes. O director das instalacións, Xoán Pastor Rodríguez, era o encargado de convidar aos asistentes a mergullarse nunha viaxe pola intensa traxectoria do homenaxeado, ao que cualificaba de autor polifacético, en referencia ao traballo realizado en eidos como a pintura, o cómic, o cartelismo, a caricatura, o debuxo, a litografía, a ilustración... e mesmo o muralismo. «As súas obras penduran de museos en Alemaña, Francia, España e Galicia. Toda unha vida vinculada ás artes, unha vocación cumprida e un éxito recoñecido», destacaba Rodríguez.

O protagonista da xornada amosábase agradecido polo feito de que o Museo do Gravado pensara nel para esta importante iniciativa: «É algo moi especial despois de medio século de profesión. Ninguén é profeta na súa terra, pero eu non me podo queixar». Facía referencia ao intenso que resultou o ano que ven de rematar: «Non parei, tiven que traballar fins de semana e mesmo xornadas festivas». Citaba algúns dos traballos máis destacados, como a exposición sobre o jazz que preparou para o Concello de Rianxo, unha serie de duascentas ilustracións que deseñou para un libro e diversos óleos, entre eles, o cartel anunciador do premio literario Antón Avilés de Taramancos.

Sobre a exposición que compuxo para o Museo do Gravado de Artes, que se presenta baixo o título Vieiros, Veiras Manteiga sinalou que se trata de obras que pintou entre os meses abril e agosto, empregando técnica mixta, colaxe e pintura. De todas elas destaco a importancia da cor, unha constante na súa obra.

Cromatismo e lírica

A pintura de Veiras Manteiga é analizada no catálogo que acompaña a exposición por Carlos L. Bernárdez, que se refire a ela como «unha construción visual que non persegue o exceso, senón que propende para a delicadeza que todo o tratamento formal das obras delata». Destaca tamén «o particular cromatismo das súas creacións e o referente lírico, que dotan as súas obras dun grao de intensidade acumulada que acaba por conformar o seu estilo que o sitúa en vizoso diálogo co mundo actual».

O fundador do Museo do Gravado de Artes, Javier Expósito, arroupou a Veiras Manteiga o venres, amosándose moi satisfeito coa serie de libros para coleccionistas lanzada polo centro. Neste sentido, anunciou que a iniciativa terá continuidade, aínda que experimentará un notable cambio. Os autores dos volumes editados ata o momento foron cinco homes e agora tocaralle ás mulleres artistas, comezando por Yolanda Carbajales.

Javier Expósito tamén se referiu ao bo arranque de ano que está a ter o museo, afianzando a súa internacionalización. Mencionou o incremento de entidades e centros artísticos que se puxeron en contacto coas instalacións de Artes para solicitar a cesión de series. O mesmo venres partía unha rumbo a Salamanca, integrada por láminas de Piranesi.

Enxalzaron a traxectoria de Veiras Manteiga e o labor que realiza o Museo do Gravado de Artes os representantes do executivo local que asistiron ao acto, Vicente Mariño e Antía Alberte.