Aguiño mantén vivo o legado de Francisco Lorenzo Mariño

BARBANZA

cedida

Unha conferencia sobre a toponimia local, contos e teatro integran o programa cultural

20 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Aguiño volverá renderlle homenaxe a Francisco Lorenzo Mariño cunha serie de actividades culturais que se desenvolverán entre o venres e o domingo da vindeira semana. Será no marco da décimo novena edición da semana cultural que leva o nome do párroco falecido e busca manter vivo o seu legado.

O filólogo e mestre Fernando Cabeza Quiles será o encargado de abrir as xornadas, ofrecendo unha conferencia sobre a toponimia de Aguiño. O seu relatorio completarase coas imaxes dos lugares máis emblemáticos da parroquia, que foron achegadas polo fotógrafo local Antonio Parada Mariño, que tamén estará presente. Xunto con eles, está previsto que comparezan o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e a presidenta da asociación veciñal, Elvira Pisos.

Trala charla, fixada para as 20.30 horas do vindeiro venres, terá lugar unha actuación musical a cargo do grupo de canto e pandeireta As 7 Linguas, pertencente á asociación Francisco Lorenzo e dirixido por Manola Valiño.

O sábado, os membros da entidade trasladaranse ao cemiterio de San Vicente de Noal, no veciño municipio de Porto do Son, onde ás 17.00 horas, levarán a cabo unha ofrenda floral e daranlle lectura dun manifesto diante da tumba na que descansan os restos do sacerdote finado o 16 de xaneiro do 2004. Un grupo de gaitas poñerá a nota musical. Dúas horas despois oficiarase unha misa de aniversario na igrexa parroquial de Aguiño.

A xornada culminará cun espectáculo de música e contos tradicionais. Correrá a cargo de Vero Rilo e Santi Cribeiro, do grupo Berrogüeto, que se suba ás táboas do conservatorio ás 20.00 horas para entreter ao público con Tralalareira.

As propostas enmarcadas nesta edición da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño chegarán ao seu fin o domingo, cunha actividade dirixida especialmente ao público infantil. Os máis cativos da parroquia terán ocasión de gozar dunha montaxe teatral a cargo da compañía Tarabelos, que poñerá en escena Debulando lendas galegas. A cita está fixada para as 18.00 horas, no conservatorio.