«O segredo do éxito de Barbantia é o traballo constante feito con ilusión»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Maía Xesús Blanco encara o segundo ano á fronte da asociación cultural cunha efeméride na axenda, o vixésimo aniversario

04 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa pasaron vinte anos desde que un grupo de barbanceses vinculados ao eido cultural decidiron aliarse para poñer en marcha una nova asociación de ámbito comarcal. Foi así como xurdiu Barbantia, unha entidade que foi marcando unha traxectoria ascendente ata converterse nun referente que traspasa as fronteiras de Barbanza. María Xesús Blanco convertíase no 2023 na primeira muller que asumía a presidencia, un cargo que manterá ao longo deste novo ano.

—Que balance fai do primeiro ano como presidenta de Barbantia?

—É un balance moi positivo e enriquecedor.

—Con que retos afronta este segundo?

—Pois son similares aos do ano anterior. Do que se trata é de traballar a prol da cultura e da creación literaria e artística na comarca en colaboración cos concellos e outras entidades culturais. Na última asemblea concretamos varias propostas, algunhas delas habituais, como a celebración do Día de Rosalía este mes, unha exposición artística en Outes para marzo e a Romaría das Letras en maio. Amais de diversas presentacións literarias ao longo do ano. Outras acción máis novidosas son as relacionadas coa escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, a gran poeta Luisa Villalta, e coa conmemoración do vixésimo aniversario de Barbantia. Tamén falamos da presentación do oitavo Recompilatorio de A Voz de Barbantia, que será en maio en Porto do Son. E do noveno encontro de creadores, que terá unha temática aberta e que está proxectado para xuño. No noso calendario están tamén os Premios Barbantia da Cultura coa publicación do Anuario de Estudos do Barbanza, como vimos facendo estes anos.

—Haberá entón novidades no programa da entidade?

—Este ano estamos de vixésimo aniversario, algo que nos produce unha gran satisfacción, polo que programamos diferentes actividades para celebralo. Entre elas, a presentación dun libro de relatos titulado Historias de Barbantia, que publicará a editorial Galaxia no mes de abril. Nel participan varios autores vinculados á comarca que cederon os seus dereitos de autor á asociación. E para novembro temos pensado organizar un encontro de poesía e música.

—De todas as propostas, cal é a súa preferida?

—Son todas a verdade. Dende as presentacións literarias ás celebracións, aínda que recoñezo que unha das miñas favoritas é o suplemento cultural A Voz de Barbantia, tan ben coordinado por Manuel Cartea, xunto co xornal e varios colaboradores e colaboradoras, e polo que pasaron xa máis de mil autores de idades diversas. E para o que seguiremos procurando novas incorporacións.

—Despois de dúas décadas de existencia, Barbantia é un referente cultural. A que o atribúe?

—Gustaríame lembrar unhas palabras ditas en Ribeira polo escritor Antón Riveiro Coello, primeiro presidente e socio fundador, na presentación da Asociación hai vinte anos: «Hai que cambiar a relación entre creadores para que haxa dialéctica entre as diferentes partes». Coido que este é un dos éxitos e dos grandes logros de Barbantia ao longo destes anos, o seu xeito de traballar a prol da cultura.

—A asociación seguiu desde o seu comezo unha traxectoria ascendente, cal é o segredo do éxito?

—O segredo do éxito de Barbantia é o traballo constante feito con ilusión, así como a colaboración entre todos nós, persoas, entidades, concellos, Deputación, Xunta... por seguir adiante con esta paixón colectiva que nos une a todos pola literatura e a expresión artística, pola nosa lingua, pola cultura no máis amplo sentido da palabra. Tamén está o espléndido traballo do noso coordinador, Xoán Pastor Rodríguez. E os máis de 350 socios aos que non deixamos de amosar unha chea de gratitude, e que agardamos sigan aumentando e colaborando connosco.

«Un dos retos pendentes é achegar propostas dirixidas aos máis pequenos da comarca»

Ao longo da súa dilatada e intensa traxectoria, Barbantia conseguiu sumar unha morea de logros, pero como non podía ser doutro xeito, segue a haber retos pendentes. María Xesús Blanco está convencida de que este ano, coincidindo co vixésimo aniversario da fundación, é un bo momento para asumir algúns deles. .

—Cal diría que foi o gran logro da asociación nestas dúas décadas de existencia?

—Pois seguir sendo un referente cultural, mirando cara o futuro con proxectos que seguen a espetar a ilusión tanto das persoas que integramos a directiva como de moitos veciños.

—E, segundo vostede, cal o reto pendente?

—Quizais, un dos retos pendentes é achegar propostas dirixidas aos máis pequenos da comarca. Neste senso, teño que dicir que temos varias ideas en mente, pero aínda precisamos concretalas con máis detalle.

—Soubo Barbantia conectar coa sociedade ou segue a estar considerada unha asociación para unha elite?

—Penso que para nada somos un colectivo dirixido á elite. Somos unha asociación aberta e receptiva a calquera persoa ou entidade con inquedanzas culturais que solicite a nosa colaboración. De feito, o ano pasado realizamos máis de trinta actos e algúns deles foron con entidades coas que colaboramos por vez primeira, como Olloboi e A Sega.

—Que é o máis complicado do traballo que implica ser presidenta desta entidade?

—Estar á altura do que a asociación representa.

—Quédalle tempo para desenvolver a súa faceta de escritora?

—Algún queda. Para o pracer da lectura e da escrita unha sempre procura ter tempo aínda que sexa á conta de durmir pouco.

—Barbanza é terra de escritores, hai canteira?

—Dende logo que si, por iso sería interesante promover actividades culturais que favorezan a creación nos máis novos.