Comeza febreiro cunha das celebracións máis arraigadas nesa Galicia que vive á marxe do asfalto e de ruídos das ruidosas cidades. A Candeloria é a festa multitudinaria dos alípedes do ar, non pode ser doutro xeito, pois é xornada de alianzas, coñecida polo pobo como casamento dos paxariños. Estamos ante un ritual ancestral, melódico, dunha sinfonía sen par pregoando o pórtico primaveral e o intenso abrollar dunha natureza que esperta do seu soño invernal.
Coincidindo con este trilo incansable na ribeira do Ulla, rechouchío que en Gres adquire un carisma especial, mesmo unha dimensión que traspasou fronteiras, esas liñas imaxinarias que o Neno de Gres, superou coma ninguén, sendo el mesmo, sen disfrace. Neno marcado por unha infancia no rural cun referente no río Ulla e na súa contorna, un río cambiante no seu caudal, dunha riqueza e viveza exuberantes, mais tamén un viaxeiro que camiñaba sen desmaio, avanzar ata ser parte das historias de Barbantia, mentres procura acougo no océano. A súa memoria, a memoria do río acadou cotas inimaxinables, chegou a recunchos insospeitados, así como a culturas moi diferentes á deste pequeno rapaz, o bardo que fai literatura dende as súas andanzas de crianza, sempre observador da súa contorna.
Así é como nesta celebración da Candeloria chega un agasallo para seguir gozando dese libro escrito na nosa fala, Memorias dun neno labrego, despois dun percorrido de 63 anos, sendo o libro galego máis traducido e reeditado... Continúa dando chimpos, neste caso un brinco necesario na actualidade. Memorias dun neno labrego en banda deseñada, unha adaptación ao formato cómic coas ilustracións de Iria Aldegunde, ilustracións que no pouso da memoria nos acercan a tempos pretéritos, mesmo nunha complicidade máxica coas fotografías de Ruth Matilda Anderson.
A grande obra de Neira achéganos un novo agasallo para celebrar este pórtico con arrecendo primaveral, un auténtico galano para esa paxarada que celebra o seu día grande, mais tamén para todas e todos aqueles lectores que latexan ao compás dun río que inspira e suspira polas terras de Barbanza.