Covadonga Rodríguez: «Quedan moitos nenos nos campamentos porque non atopamos familias acolledoras»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Covadonga Rodríguez leva dous anos como coordinadora na comarca de Sogaps
Covadonga Rodríguez leva dous anos como coordinadora na comarca de Sogaps MARCOS CREO

A coordinadora comarcal de Sogaps anima aos veciños a sumarse ao programa Vacacións en Paz de axuda ao pobo saharauí porque é unha experiencia moi enriquecedora

10 mar 2024 . Actualizado a las 13:16 h.

Viven en campamentos de refuxiados, con moitas carencias alimentarias e hixiénicas e con temperaturas que poden chegar a superar os 50 grados á sombra. Desde o ano 1991 Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) participa no proxecto Vacacións en Paz para traer a nenos de 8 a 12 anos a pasar o verán con familias de acollida, das que sempre se precisan moitas máis. Conseguir incrementar o número de rapaces que chegan a Barbanza é un dos obxectivos de Covadonga Rodríguez Argüelles (Vigo, 1966), coordinadora da entidade a nivel comarcal desde o 2022.

—Como comezou a súa vinculación con este programa?

—Rianxo é un concello cunha longa tradición de participación no programa Vacacións en Paz, e eu coñecino por contacto con outras familias que traían nenos saharauís. Tras o parón pola pandemia houbo unha baixada importante no número de colaboradores, parece que unha vez que deixas de acoller volve a custar empezar. Eu sabía que estaba habendo problemas para traer nenos ao concello e hai dous foi cando a miña familia comezou a acoller. Levabamos moito tempo falando do tema, pero nunca deramos o paso. Ao ver que había perigo de que o programa puidera decaer foi cando nos animamos.

—E como chegou a levar a coordinación en toda a comarca?

—Case todas as familias acolledoras de Rianxo empezamos agora e decidimos retomar a actividade de Sogaps, que no concello ten sido moi intensa. Comezamos a coordinarnos co resto da comarca, a revitalizar as actividades e unha cousa levou a outra.

—Cantos nenos viñeron o ano pasado?

—Foron 14 nenos para os concellos de Rianxo, Boiro, Ribeira, Porto do Son e Noia, que é a zona na que traballamos de forma coordinada. Este ano xa sabemos cantos van ser repetidores, tanto porque as familias ás que veñen son as mesmas como porque son nenos que poden continuar no programa por cuestión de idade (poden vir catro veráns seguidos).

—Hai suficientes familias?

—Non. Quedan moitos nenos nos campamentos porque non atopamos familias acolledoras ou porque todos os trámites son complicados e non podes traer a tantos como realmente quererías. En principio a idea para este ano é incrementar o número de participantes, xa hai asegurados 175 nenos en Galicia que son os repetidores do ano pasado, e o obxectivo que se marca Sogaps é poder chegar ata os 300.

—Cal é a previsión de cantos nenos virán para comarca este verán?

—Non nos poñemos límites, non é unha comarca moi grande, pero sempre colaborou moito con Sogaps. O ano pasado foron 14 e a idea é aumentar o que poidamos, calquera cifra que sexa subir nos parece estupendo.

—Como familia acolledora, como animaría a outras a sumarse a esta iniciativa?

—Para as familias acolledoras é una experiencia moi intensa e enriquecedora. Aprendemos os valores cos que eles se están criando no Sáhara, os valores da solidariedade, de ser felices con moito menos do que temos nós, de desfrutar de cada pequena cousa, e teñen unha fortaleza e un orgullo grande do seu pobo pese a vivir no exilio. É un pobo que ten un gran respecto e un gran amor pola familia, e aos nenos encántanlle coñecer aos nosos familiares. Teñen unha capacidade enorme de adaptación, empezando polo idioma, veñen con tres ou catro palabras e en catro días se manexan de maneira extraordinaria.

—Hai algunha parte máis dura do acollemento?

—Nos primeiros momentos eles botan de menos a súa casa e os seus costumes, que son diferentes e todos temos que facer un esforzo para que eles se adapten e integren, pero tamén respectando a súa realidade e a súa maneira de vivir alá.

«Eles queren volver ás súas casas e iso é bo, porque se non fora así para nós sería moi duro»

Os principais obxectivos dos programa Vacacións en Paz son que os nenos poidan pasar aquí os meses máis calorosos, ademais de realizar revisións sanitarias, levar unha alimentación máis completa e aprender outras culturas e idiomas.

—Tras pasar todo o verán con eles, custa moita despedirse?

—Ten unha parte dura e outra que non o é tanto. É importante que nos deamos conta de que estes nenos veñen de entornos felices. Aínda que viven nunha situación complicada, son nenos moi queridos polas súas familias, que son familias estruturadas que teñen un cariño e un coidado especial cos nenos. Entón, eles queren volver as súas casas e iso é bo, porque se no fora así para nós sería moi duro. Eles teñen claro que é un acollemento temporal e saben que o seu fogar e a súa familia está alá. O obxectivo é aliviar unha situación na que están vivindo que non é boa polas circunstancias que sabemos, pero eles queren volver as súas casas e para nós é unha alegría saber que eles volven contentos, e de que tamén volven contentos da súa experiencia en Galicia, de ir ás praias, ás piscinas, e de facer moitas actividades.

—Mantense o contacto con eles?

—Si, ao longo de todo o ano mantense un contacto con eles con chamadas e videochamadas. Desde o momento en que comezamos a acoller temos unha familia no Sáhara, non é biolóxica, pero mantemos unha relación moi estreita coas familias dos nenos. Estamos con ganas de que volvan no verán, pero temos a tranquilidade de saber deles e de manter unhas relacións de afecto e de lazos cos seus familiares.

—Coñece os campamentos?

—Si, estiven o verán pasado, fun con Sogaps a recoller aos nenos e estiven coa que sería a miña familia saharauí. É unha experiencia incrible ver como o dan todo, porque son tremendamente acolledores, teñen que ver moito cos galegos que somos un pobo acolledor.