Interventores

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de archivo de un ordenador
Imagen de archivo de un ordenador

13 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con demasiada frecuencia escoitamos a políticos queixarse de que a culpa de que o seu concello estea máis parado que unha pedra é por algún funcionario que o bloquea todo.

Con independencia de que en todas partes se cocen fabas e non imos idealizar a ninguén, non hai máis que ver a enxurrada de lixo que está a caer estes días como para saber que os procedementos administrativos están para algo.

Poden ser lentos, desesperantes e incluso mellorables, pero conducen de xeito claro un gasto público. É xusto en situacións de gran risco —como a pandemia que vivimos— cando os funcionarios deben estremar as cautelas, porque sempre hai espabilados que pretenden sacar tallada. E sei ben das presións que tiveron que aturar moitos interventores de aquela ante todo tipo de presións chegadas duns e doutros.

Pero a opinión pública vai e vén, e ten a memoria dun peixe. A touro pasado, todo o mundo é moi listo para saber o que había que facer e o que non, e as crises e nervios deses días xa nin contan.

O que non se lle pode pedir á Administración é unha velocidade que entra en contradición coa propia natureza garantista dos procedementos, porque o que no seu momento parece inevitable despois sempre é revisado por quen quere empregalo no seu beneficio.

Das urxencias do pasado non se acorda ninguén, e o funcionario convértese no monicreque do xogo político. Así que hai que crebar unha lanza polo aburrido e lento procedemento administrativo. Se un político lle bota a culpa ao funcionario, permítanse desconfiar do político.