Control total

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

El sistema es un gps de control del transporte urbano
El sistema es un gps de control del transporte urbano ALBERTO LÓPEZ

14 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ofeito de que agora moitos coches leven navegador mola. Tanto para non perderse nas viaxes como para evitar estar controlando o móbil ou o que sempre se fixo, preguntar á xente que se encontra un. Ademais, dá un toque elegante ao automóbil. Eu mandei que mo desconectaran, polo que cando me perdo recorro ao móbil ou pregunto, e de paso, socializo e aprendo antropoloxía. Pese a que o propio taller me teña insistido que é bo estar conectado por se teño un accidente.

Tal e como relataba hai uns días Xabier Alcalá, as novas tecnoloxías son posibles grazas aos satélites, e estes teñen o control dos dispositivos, así é que se xustifican os ataques aos navíos comerciais, porque dende abaixo alguén pode controlar o que está arriba e facerse co control total de calquera vehículo que estea conectado.

Xa sei que pasa cos móbiles, pero podes apagalos e o coche non. Canto máis nos seduzan para estar guiados por satélites, máis controlados estaremos. Recordo perfectamente a película Desafío total, na que o protagonista, Arnold Schwarzenegger, pasaba as mil e unha desgrazas para vivir no que supostamente serían as cidades do futuro. Igual é algo esaxerado o filme, pero o control sobre as persoas e os seus movementos xa está aquí e para quedarse.

Polo momento, ter desconectado o navegador do coche dános liberdade de movemento co mínimo control superior. Xa bastante nos controlan cada vez que aceptamos as condicións de algo que non nos deixan ver se non o facemos.

Non é nostalxia de tempos pasados, senón o desexo de ser un individuo libre e decidir sen presións superiores.