Ana Miranda avanza a campaña das europeas cun acto en Muros: «Temos que ter voz propia en Europa»

La Voz MUROS / LA VOZ

BARBANZA

Ana Miranda (de azul), junto a Rogelio Santos, María Lago y Bieito Lobeira en el acto celebrado en Muros.
Ana Miranda (de azul), junto a Rogelio Santos, María Lago y Bieito Lobeira en el acto celebrado en Muros. CEDIDA

Estivo acompañada polos membros da candidatura Bieito Lobeira e o sonense Rogelio Santos

20 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña electoral para as europeas do vindeiro 9 de xuño comezará este venres, pero o BNG xa deu un avance dos argumentos que defenderá na carreira ás urnas nun acto celebrado a última hora da tarde de onte en Muros. A súa candidata, Ana Miranda, estivo na localidade defendendo que «temos que ter voz propia en Europa».

Miranda estivo acompañada no acto de precampaña por dous dos integrantes da candidatura nacionalista para as europeas, Bieito Lobeira e o sonense Rogelio Santos, número dous e catro da lista, e pola alcaldesa de Muros, María Lago. Na súa intervención, a eurodeputada subliñou a importancia de que o BNG volva ter presenza no Parlamento Europeo porque «é a garantía de defender o noso sector pesqueiro, de defender a seguridade marítima e defendernos contra a contaminación que poida vir de mareas negras ou brancas».

Sendo a bisbarra un dos puntos máis afectados polo vertido de pélets a comezos deste ano, a candidata nacionalista fixo especial fincapé nesta cuestión e lembrou a viaxe que a alcaldesa de Muros fixo en xaneiro a Estrasburgo para analizar nas institucións europeas as consecuencias da marea plástica. Neste sentido, Ana Miranda puxo en valor que grazas ás propostas do BNG mellorou a seguridade do transporte marítimo: «Xa abonda de que a costa galega sufra verteduras chegadas do resto de Europa! Non somos un vertedoiro!».

A candidata nacionalista falou tamén da pesca e das cotas, subliñando que dende que ocupan un escano no Parlamento Europeo «sempre levamos ao sector a Bruxelas cando fixo falta, e se fai falla levaremos unha patela na cabeza para levar de novo os problemas do noso país, para defender o dereito a producir e a vivir na nosa terra». E rematou sinalando que na Unión Europea «decídense cousas moi importantes que afectan á nosa vida diaria, e temos que ter voz, voz galega para falar do noso».