
Se veñen cartos de Europa, parece que caen do ceo
12 jun 2024 . Actualizado a las 08:07 h.Seguín como puiden, no medio dunha vaga de traballo, as eleccións europeas. Atender algo cando estás centrado noutra cousa só ten unha cousa boa: do son que deixas entrar pola orella quedan só as mensaxes máis insistentes, as ideas centrais que tentou depositar cada partido. Nas que me quedaron, Europa era o menos importante. Esta é unha campaña que se fai en clave local e, polo tanto, como elección é un fracaso de participación. É un contrasentido escoller a deputados para un lugar do que os propios partidos falan o xustiño.
Nos últimos anos fálase moito das forzas antieuropeas, ás veces de ultradereita e outras veces de esquerda radical, que comprometen o futuro da Unión. Sendo esa a súa intención, o que é innegable é que os partidos do centro do espectro político teñen tamén moita responsabilidade.
Durante moitísimo tempo aquí viviuse co infantil xogo das dúas bandas: se unha medida é negativa, a culpa é de Bruxelas. Se veñen cartos de Europa, parece que caen do ceo grazas a eses mesmos cargos políticos.
Así que para comprendermos o desapego de moitos cidadáns pola Unión a primeira responsabilidade hai que buscala en como os partidos de aquí mal usan a todas as escalas —desde a municipal e a autonómica ata a estatal— Bruxelas, o Parlamento e a Unión Europea.
Este problema só hai un xeito de solucionalo: dar máis poder ao Parlamento europeo para que non sexa o circo de hoxe. Iso implica quitarllo aos políticos locais. A ver se se imaxinan quen vai poñer trabas ao asunto.